O Premio Auditorio de Galicia para novos artistas chegou no ano 2016 á súa novena edición. Un breve repaso ás cifras alcanzadas durante estes 15 anos de andaina pode dar conta da magnitude e da relevancia que esta iniciativa tivo para o conxunto do sistema
artístico da nosa comunidade:
-
Case mil proxectos presentados a concurso nas nove edicións
-
Máis de 300 obras resultaron seleccionadas, catalogadas e expostas
Un numeroso grupo de profesores de belas artes, historiadores da arte, críticos e comisarios de recoñecida solvencia, constituíron os xurados responsables da elección dos artistas premiados en cada nova edición, sendo eles os primeiros en entrar en contacto
co conxunto de obras presentadas: un material de traballo de primeira magnitude que, sen dúbida, axudou a que frutificaran outros moitos proxectos expositivos e curatoriais.
Grazas a esta iniciativa, artistas nados ou residentes en Galicia beneficiáronse deste importante galardón e da súa contrapartida económica; ademais puideron mostrar o seu traballo nas mellores condicións e tiveron a posibilidade de utilizar o premio
como carta de presentación, no seu apartado curricular, para a consolidación do seu propio proxecto artístico.
Miles de persoas puideron gozar, nas nove exposicións realizadas, dunha excelente selección da mellor arte emerxente creada na nosa comunidade. En tempo real, mentres o proceso creativo está a producirse, tivemos acceso a un conxunto de obras palpitantes
de vida e vontade expresiva: case sen darnos conta estivemos asistindo –en vivo e en directo– ao nacemento dunha nova xeración de artistas.
Con todo, estimamos que o principal mérito do Premio Auditorio de Galicia foi a súa capacidade para xerar tecido social ao redor das manifestacións máis novas da arte contemporánea, trenzando novas redes de complicidade e cooperación entre todos os estamentos
que conflúen nesta actividade: artistas, público, universidade, sistema crítico, coleccións públicas e institucionais, sistema comercial, institucións e xestores. Nos tempos convulsos que nos tocou vivir, esta capacidade
de xerar valores sociais e xuntar intereses comúns ao redor das expresións culturais debe ser considerada o patrimonio máis valioso dunha institución.
Unha toma de posición e unha política cultural que sen dúbida responde á decidida asunción dun postulado que se nos presenta como algo cada día máis necesario: as prácticas artísticas son o vital e imprescindible i+d da elaboración simbólica, son as produtoras
do material sensible que conforma o ADN dunha comunidade, o conxunto de procedementos que sementan de sinais o imaxinario colectivo e proporciona a cada membro desa sociedade instrumentos para experimentar o seu propio
lugar no mundo. Porque o ser humano aliméntase basicamente de imaxes, e porque a imaxe é o reino da liberdade e abre un espazo no que se mostra a posibilidade dunha nova configuración do perceptible, o pensable, o dicible...,
e o factible. A experiencia da arte pon en escena -demostra performativamente- a posibilidade dunha reorganización do réxime de visibilidade: novas formas de contemplar as persoas e o mundo; e faino cuestionando a repartición
política do sensible, o relato do poder que define quen pode ver que cousas.
As producións artísticas e as prácticas expositivas das últimas décadas, moi especialmente a partir do despuntar dos movementos conceptuais xurdidos ao redor dos anos 60 e que confluíron na crise ideolóxica de 1968, non fixeron senón confirmar esas expectativas:
o lugar desde o que se formulan as prácticas artísticas –e as súas contrapartidas argumentais– cambiou de localización, e o artista, convertido en produtor de sentido, xa non poderá moverse por eses novos territorios sen
a sólida estadame do seu armazón discursivo.
O artista devén así provedor de contidos intelectuais, a miúdo filósofo, noutras ocasiones etnógrafo (H. Foster), pero tamén sociólogo, documentalista do espolio e da dominación, crítico da cultura, desvelador da fascinación adormecedora dos media, ‘mecenas
ideolóxico’ (W. Benjamin), ou abandeirado da loita pola visibilidade dos máis diversos colectivos desatendidos pola mirada hexemónica (feminismo, activismo queer, réxime poscolonial) /.../, e sempre explorador da provisionalidade
e inestabilidade dos réximes de representación, recodificador das convencións.
Os dispositivos expositivos das últimas décadas xa nos familiarizaron suficientemente co novo paradigma, a obra preséntasenos como zona aberta e en definitivo estado de inacabamento, work in progress, traballo en curso que dilúe a súa aparencia estética
e renuncia, de mellor ou peor grao, á fantasía narcisista do estilo. A mirada é bulímica por natureza, está dominada pola lambonada e é preciso atala curto para que non nos encha a casa de lixo. Inerte ante a pantalla de
plasma, o espectador acumula inmundicias e abarrótase de simulacros; vítima dunha voraz síndrome de Dióxenes, amontoa entre os seus aveños psíquicos toneladas de discursos putrefactos e imaxes desperdicio. A hiperrealidade
cancela toda ilusión por exceso de evidencias, o torrente de datos afoga calquera posibilidade de lectura nunha sorte de crispación pornográfica, porque todo está á vista e non hai nada que ver.
O real é apenas un desfile de espectros nun mundo reducido a unha soa dimensión: o tempo; un mundo no que o espazo foi devorado pola velocidade. Calquera acontecemento sofre, ao instante de producirse, a súa propia virtualización, cunha aceleración progresiva
que o conduce (o-tele-transporta) máis aló do limiar que calquera territorio pode soportar. É imposible a pervivencia dos seres e das cousas nese non-espazo engulido pola velocidade, só poden subsistir como signos: convertidos
en mercadoría. A desmaterialización que Paul Virilio asigna á arte contemporánea quizais poidamos facela extensiva xa á totalidade da experiencia de vida: non pode estar en ningún sitio, non existe máis que como emisión
e recepción de información. A inmediatez é o motor do xogo. O distanciamento temporal entre estímulo e resposta acúrtase infinitesimalmente e isto, entre outras moitas consecuencias, supón un enfraquecemento da posición
do suxeito que agora, en nome dunha interacción efectiva, se ve obrigado a reducir drasticamente o seu tempo de reacción para adecualo á simultaneidade do acontecemento predirixido (J. L. Moraza). Consumo acelerado de imaxes
que só pode xerar ansiedade, ansiedade que só pode saciarse tragando atropeladamente máis imaxes. Así, o espectáculo dásenos por duplicado, primeiro como causa da alienación e logo como falso remedio, como tratamento que
alivia os síntomas á conta de agravar a enfermidade, de forma semellante aos náufragos que se ven obrigados a beber auga do mar para acougar a sede.
Os froitos dun proxecto de futuro para a nosa comunidade
Neste novo e cambiante escenario desenvolveuse o traballo dos artistas presentes nesta exposición, (Mónica Alonso - Carla Andrade - Misha Bies Golas - Marta Bran - Mónica Cabo - María Castellanos - Rosendo Cid - Nicolás Combarro - Andrea Costas - Manuel
Eirís - Suso Fandiño - Tamara Feijoo - Sara Fuentes - Amaya González Reyes - Beatriz Lobo - Carlos Maciá - Tatiana Medal - Holga Méndez - Antía Moure - Nano 4814 - Álvaro Negro - Simón Pacheco - Mery Pais Domínguez - Lois
Patiño - Pablo Pérez Sanmartín - Jorge Perianes - Rubén Ramos Balsa - Borja Santomé - Diego Santomé - Olaia Sendón - Federico Vladimir Strate Pezdirc - Mauro Trastoy - Damián Ucieda Cortés - Manuel Vázquez - Mar Vicente),
en todos eles apréciase –e en cada un dunha forma diametralmente diferente– a vontade de dar canle e resposta ás cuestións e preguntas que a contemporaneidade pon inequivocamente sobre a mesa; desde unha pormenorizada e
obsesiva investigación do espazo expositivo, un diálogo (un forcexo ben educado) co ‘cubo branco’ do museo ou a galería de arte, até a decodificación política dos patróns de clase ou xénero, a denuncia da espectacularización
das situacións de vida, e o ‘detournement’ táctico das imaxes publicitarias.
Imponse tamén na maioría destes traballos a necesidade de abrir brechas, físicas e mentais, na idea de espectador como ente meramente receptivo: non existe o espectador pasivo, senón alguén que observa, selecciona, compara..., interpreta (Rancière); alguén
que retén e esquece selectivamente, conforme aos seus particulares intereses: incorpora ou desdeña aspectos do contemplado que recombinará cos seus propios arquivos seguindo os seus propios métodos (cuns procedementos seica
personalizados até o delirio). O espectador non está, nin moito menos, condenado a unha experiencia ‘comungante’ da obra de arte. O indomeable poder do espectador consiste na súa capacidade de traducir experiencias, esquecer,
desestimar e sacar partido do que se lle presenta. Tomará para si as partes que lle interesan –desentendéndose mesmo dos designios e as previsións do autor–, e aproveitará unicamente aquilo que poida utilizar para os seus
propios propósitos: aquilo susceptible de ser incorporado á súa persoal aventura intelectual. Coa suma (a montaxe) deses materiais heteróclitos deberá construírse a si mesmo e tomar as súas propias decisións, moi lonxe
de calquera condena á aceptación e á pasividade.
Se aceptamos a idea de que a actual crise do sistema da arte, e da sociedade no seu conxunto, é fundamentalmente unha crise ideolóxica e de valores, entón, a saída só pode vir da man dunha redefinición colectiva deses valores que entraron en crises. Se
o que pretendemos é poder seguir desenvolvendo o noso traballo nas novas condicións debuxadas polo colapso o sistema da arte que até agora coñeciamos, imponse a necesidade dun esforzo colectivo por repensar e reformular
–de arriba abaixo– o papel de cada un dos axentes implicados: produtores, exhibidores, comercializadores, críticos, compradores..., e tamén xestores e administradores públicos. É neste plano de colaboración institucional
onde o Premio Auditorio de Galicia para novos artistas ha poñer a proba todas as súas capacidades de presente e de futuro.
E agora, tras 15 anos de singradura nestas turbulentas augas, chegou felizmente o momento dunha merecida celebración, a hora de presentar en público o balance e reconto destes anos de andaina: mostrar os froitos da colleita cunha grande exposición que
poña en valor os resultados do proxecto, e demostre –a propios e estraños– a extraordinaria solidez do traballo artístico desenvolvido nestes últimos anos por todos os premiados e seleccionados.
Repasar, a día de hoxe, a lista de artistas seleccionados ao longo das sucesivas edicións do Premio Auditorio de Galicia dános a medida exacta do acertado daquelas decisións: unha gran maioría destes mozos situáronse no primeiro plano da actividade artística
peninsular, entrando as súas obras a formaren parte de importantes coleccións públicas e privadas, e todos sen excepción demostraron coas súas realizacións posteriores o importantísimo punto de inflexión que supuxo, no
enfoque e materialización dos seus proxectos artísticos, o interese suscitado con este premio. E da súa man asistimos, ano tras ano, edición tras edición a unha serie de cambios e desenvolvementos conceptuais dignos da
máxima atención: o definitivo establecemento dos medios videográficos e fotográficos como un dos principais referentes dos traballos artísticos dos nosos días, a triunfante entrada das tecnoloxías dixitais nas aulas, os
museos e as salas de exposicións; e unha imparable hibridación de procedementos e linguaxes que pon en cuestión calquera idea preconcibida acerca das prácticas artísticas e as súas condicións de exhibición ou posta en discurso.
O proxecto expositivo SEMENTE recolle obras de 35 artistas que participaron nalgunha do nove edicións do premio; o conxunto das obras e os artistas seleccionados presentan unha significativa mostra dos traballos de toda esta xeración de novos artistas
galegos ou residentes na nosa comunidade. O criterio de selección privilexiou aquelas obras que xa entraron a formar parte dalgunha das máis significativas coleccións públicas e privadas de Galicia, confirmando desta forma
a traxectoria ascendente dos seus creadores e o acerto dos sucesivos xurados, e pondo de manifesto e subliñando esa característica do Premio Auditorio de Galicia que quixemos sinalar como núcleo consubstancial do proxecto:
a súa vocación social, a súa capacidade para xerar sentido e acción colectiva ao redor das prácticas artísticas contemporáneas.
Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre
Comisarios