Texto crítico

Un dos efectos máis evidentes da incidencia da crise no sector das artes plásticas en Galicia é a desaparición progresiva de institucións e a mingua da súa capacidade operativa: os orzamentos reducíronse considerablemente, así como -en moitos casos- a súa autonomía administrativa. O Premio Auditorio de Galicia para novos artistas resiste, en 2019 e vai xa pola undécima edición.

Esta é unha das poucas convocatorias orientadas cara ao apoio da creación contemporánea existentes no noso contexto, onde destacan o Premio Internacional de arte Fundación Mª José Jove, o Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo, ou as Bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos, estas últimas da Deputación da Coruña. Busca visibilizar e incentivar os procesos creativos entre un sector importante de artistas, os menores de 40 anos.

Institucións ou eventos relevantes como o Museo MARCO de Vigo ou o Xacobeo 21 aínda non sabemos en que grao van afectar o noso ecosistema das artes, e unha institución de referencia, como era o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Unión Fenosa, desapareceu, levando consigo un rico programa de actividades e programas de apoio aos creadores. O Premio Auditorio segue a ser, a día de hoxe, un incentivo –insuficiente, por suposto– e un lugar de encontro de boa parte da comunidade das artes do noso país, tanto na fase de selección como no agrupamento que conforma finalmente a exposición.

O traballo de selección levado a cabo polo xurado do premio nesta edición constatou dúas cousas: primeiro, a dificultade da tarefa, pola calidade media e a cantidade das propostas enviadas; segundo, a implicación do grupo que participamos na selección de pezas, como membros deste xurado. Un traballo intenso, aínda que concentrado no tempo e un exame atento das propostas, que deu lugar a debates do máis interesante nalgúns casos. No decurso das deliberacións, vimos como a complexidade do traballo de investigación das e dos artistas supón un exame dos propios posicionamentos e criterios dos membros do tribunal, que deben comprender as motivacións e argumentos dos proxectos, avaliando despois a súa concreción formal.

Asumimos desde o xurado a existencia dunha realidade complexa e diversa no mundo da creación contemporánea, e a revisión dos dossieres presentados constata a coexistencia de formatos, técnicas, procesos e intereses temáticos: pintura matérica, debuxo sutil e delicado, fotografía, videocreación de temática social, xogos lingüísticos, rexistro da memoria familiar presentada en formato arquivo, expresionismo lúdico-festivo, indagacións no rural galego, novas tecnoloxías e estética do videoxogo… Constatamos, unha vez máis, ese “fin das grandes narrativas” ao que se ten referido Arthur C. Danto, pero tamén a existencia de ámbitos temáticos importantes que están a marcar os intereses dos creadores nos nosos días. Gostaríame destacar tres: a recuperación da memoria asociada á familia e ao ámbito rural, a conciencia da precariedade no traballo da mocidade (especialmente, artistas), e a revisión dos formatos e disciplinas artísticas tradicionais. Territorio, memoria e xénero (identidade) marcan as temáticas en boa parte dos traballos presentados ao premio, e outro grupo importante de pezas presta máis atención á investigación sobre técnicas artísticas, procesos de traballo e novas linguaxes.

A exposición derivada da selección non poderá ter, pois, unha coherencia nin de estilo nin de temática, porque esta extrema pluralidade é a nosa situación de partida. Pero si pode ser un bo termómetro dun contexto marcado pola precariedade, onde abundan as propostas de gran nervio creativo e de intelixencia poética. Son obras reveladoras do bo nivel existente no noso panorama artístico actual, aínda que sabemos que a selección podería ser outra...
 

Miguel Anxo Rodríguez
Departamento de Historia da Arte
Universidade de Santiago de Compostela
Membro do xurado