Teresa Búa
Seseo
2019

Videoperformance
14´24´´

Seseo fai referencia á variación fonolóxica na que os fonemas /s/ e /θ/ -que representan as grafías (ante ou ), e - non se diferencian.

Seseo é unha peza de consciencia lingüística. Nela achégome á lingua galega a través do fenómeno fonético do seseo. Estamos ante un retrato xeográfico, Seseo é un estudo xeolingüístico (metodoloxía que entende a lingua como un organismo vivo). Dun modo automático e repetitivo, a obra sitúanos no territorio mariñeiro occidental de Galicia, que se corresponde coa clasificación territorial fonética e morfolóxica do Atlas Lingüístico Galego. Estamos a percibir unha mostra de seseo explosivo (cicatriz/sicatris), deste xeito sabemos que o territorio retratado é o bloque occidental, concretamente a área fisterrá.

O son do fenómeno fonético que a obra leva por título transcríbese como /s/ que corresponde en todo o estado á grafía , concretamente neste bloque xeográfico tamén é o son que representa ou (seguidos das vogais ou ). Ao non distinguírense os fonemas /s/ (consoante fricativa alveolar xorda) e /θ/ (consoante fricativa dental xorda) prodúcense termos homófonos, na maioría dos casos quen escoita só será capaz de identificar o significado se segue a conexión mnemotécnica xerada pola artista para a memorización das palabras.

Esta peza, xunto coa súa predecesora Jeada (2014), fannos lembrar, e terían cabida dentro do proxecto Arquivo do Galego Oral (AGO) co cal se pretende construír un corpus de interese multidisciplinar para estudar a situación da lingua oral e contribuír a un mellor coñecemento da sociedade galega a través de moi diversas mostras do patrimonio inmaterial¹.

1 Arquivo do Galego Oral, Instituto da Lingua Galega – USC, 2019, http://ilg.usc.es/ago/

Tere Búa estudou o grao en belas artes entre as universidades de Vigo, Kingston University (London) e Politécnica de Valencia. Tamén realizou o mestrado de creación e investigación de arte contemporánea na Universidade de Vigo, onde actualmente está cursando deseño téxtil en ESDEMGA. Dende 2007 compaxina a academia con vida laboral nun estudo de fotografía -colaborador do xornal La Voz de Galicia.

En 2011 gaña o primeiro premio do XIII Certame fotográfico Xosé Manuel Eirís e en 2015 o primeiro premio do XIII Certame de artes plásticas da Deputacion de Ourense. Foi seleccionada no X e no XIII Premio internacional de arte gráfica Jesús Núñez. En 2016 prémiana cun deseño para a colección Sargadelos téxtil que será tamén comercializado. En 2017 realiza o proxecto Verde Superverde, xunto con Marrancia, primeiro premio no certame de deseñadores noveis da XXVII Mostra do Encaixe de Camariñas.

Dende 2011 tamén participou en diversas exposicións nacionais e internacionais como Miniatures en Europa e América, Degenero na Fundación Antonio Saura en Cuenca. Realizou performance en eventos como Violencia Zero da Deputación de Pontevedra e Acción xm2 en La JUAN Gallery en Madrid. Podemos encontrar a súa obra en diversos catálogos publicados pola Universidade de Vigo ou publicacións de revistas e centros de arte.

En 2018 comeza a formar parte do poxecto Wom@rts, liderado polo Auditorio de Galicia e cofundado por Creative Europe Programme da Unión Europea, que terá proxección por Europa ata o 2021.