Presentación

Cando botamos a andar, no ano 2001, o premio do Auditorio de Galicia tiñamos como obxectivo abrir camiño as e aos creadores máis novos que viñan demandando apoios específicos, que naquel momento eran escasos en Galicia.

Transcorridos 18 anos –e once edicións–, cunha crise que tamén afectou ao sector cultural, non podemos máis que congratularnos polo percorrido dunha convocatoria que conseguiu consolidarse e ser espazo de referencia, non só para os creadores e creadoras, senón tamén para profesionais do sector e para o público en xeral.

Convértese así, e de novo, a sala de exposicións Isaac Díaz Pardo nun lugar de enerxía creativa onde gozar de propostas de calidade. Neste 2019 poderemos ver a obra de trinta e cinco artistas que foron seleccionados por un xurado experto de entre os cento e nove traballos presentados. Compre recoñecer non só o traballo dos seleccionados e seleccionadas senón tamén os de todos e cada un dos e das artistas que se presentan, e aos que animamos a seguir facéndoo. Todos  e todas elas son o pulo dun premio que pretende recoñecer e apoiar o talento e dar a coñecer a creación contemporánea en Galicia.

Nas pezas seleccionadas atoparemos diferentes disciplinas, diferentes miradas, diferentes temas  aos que nos van enfrontar estas mulleres e homes artistas e aos que só debemos aportar a nosa curiosa mirada.

Un patrimonio, o da creación, que debemos alentar, propiciar e, en definitiva, coidar.


Xosé A. Sánchez Bugallo
Presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia
Alcalde de Santiago de Compostela