Ignacio

Sempre pensei que a arte e a cultura en Galicia están moi condicionadas polo territorio. Se miras un xornal galego, é moito máis fácil atopar fotografías de paisaxe asociadas a noticias que nun de ámbito nacional. Creo que isto é porque a presenza do rural e o natural segue sendo aquí moi importante. E porque hai un substrato cultural de historias e vivencias asociadas a ese espazo. Nas obras seleccionadas para o Auditorio hai unha significativa presenza do territorio (non exclusivamente galego, por suposto). Pero quizá a maneira específica de proxectar esa mirada cara á contorna sexa considerándo máis como un campo cultural que como un espazo físico. Ata en pezas extremadamente baleiras e contemplativas como as de Carla Andrade, o lugar é tomado como motivo de reflexión sobre unha maneira de construír a conciencia. En xeral, entendemos que os espazos están habitados, cargados de connotacións. Vexo en moitos traballos ecos de Perejaume, quen parece considerar a paisaxe, o territorio, como unha instancia esencialmente lingüística. No traballo de Olmo Cuña está moi presente esta vinculación: a referencia ao natural (a froita, a planta) faise a través do texto literario. Ou no de Paula Santomé, que parte dunha situación urbanística dada para realizar unha acción que a sinala á vez que a cuestiona. Ou esa idea de Miguel Cuba, os barrios de París formando un remuíño no espazo. Outras obras que vexo conectadas con esta idea da paisaxe cultural, social ou política son as de Iago Eireos, Amine Asselman, Pilar Boullosa, Dennis Vaccarello, Olalla Castro.

Carme

Resúltame curioso o que contas da paisaxe. Obviamente, a min, nada nesta cultura, é algo que me resulta complicado percibir, pero seguramente teñas razón porque, ademais, é un tema que me interesa especialmente. Con todo, a pesar de que moitos dos artistas seleccionados teñen unha longa traxectoria e xa os coñecía, como Berio Molina, Mar Vicente ou Nicolás Combarro, só por citar algúns dos que non mencionaches, esta experiencia de participar como xurado nos premios serviume para coñecer un pouco máis cumpridamente os intereses de artistas máis novos. Chamoume a atención que moitos traballos presentados parten do debuxo e da pintura e non tanto da fotografía , do vídeo ou doutros medios. Sei que ti falabas de temáticas e eu introduzo a cuestión da técnica, pero penso que esta moitas veces nos fala da forma de achegarse á arte, dos procesos e por iso a destaco. Impórtame o proceso: de onde veñen e cara a onde van as propostas dos artistas que se reúnen nesta selección.

Sei que no exercicio de presentarte a un concurso hai unha posta en escena na que os artistas deben mostrar o seu traballo cunha soa obra. E moitas veces neste proceso quedan fóra moitas outras cousas. Evidentemente un concurso non é o lugar para experimentar, pero si penso que cumpre unha función moi importante máis alá da competición. Primeiro como lugar de encontro, no que confluír desde diferentes lugares con diferentes propostas. Isto é enriquecedor. E en segundo lugar como espazo de visibilización, tamén grazas ao que a min me parece un acerto, a posibilidade de desenvolver o traballo nunha exposición como un dos premios, que fai un acompañamento ao premiado e dá oportunidade de seguir traballando. Non sei se ti, como profesor en Belas Artes, en contacto coa produción máis nova, ves tamén estes intereses.

I.

Desde o meu punto de vista como profesor, estes concursos teñen unha función moi positiva, que é o de dar visibilidade ao traballo dos artistas que están empezando. O premio do Auditorio, especialmente, supón un nivel de esixencia alto, e é unha das vías de acceso, en Galicia, ao mundo da arte profesional. A idea de dar continuidade aos proxectos mediante exposicións (a propia colectiva do premio e a posterior individual) é a mellor maneira de facelo. A parte mala, como tamén sinalas, é que é ás veces é difícil comunicar e percibir as sutilezas das obras de arte a través de dossiers. Iso fai que queden polo camiño cousas que vistas directamente terían outro sentido. En todo caso, enfronta os participantes a un novo reto: seren capaces de presentar unha obra que funcione ben no concurso. Recordo que, mirando os dossieres, ás veces parecíanos que eran mellores obras que se presentaban como documentación complementaria que as presentadas a concurso.

Eu tamén penso que a técnica supón unha elección decisiva que mostra unha determinada maneira de achegarse á realidade que se está representando ou creando na obra. Pero creo que entre os artistas seleccionados hai quen toman a técnica como medio para traducir eficazmente os seus intereses e outros que parten dunha reflexión sobre ese mesmo medio. Na Facultade puiden ver que as novas xeracións seguen moi interesadas polos medios materiais como a pintura, a escultura ou o debuxo. O que ocorre é que é moi difícil adquirir destreza nestes medios, é algo que se adoita desenvolver unha vez acabados os estudos, aínda que pareza estraño.

Como a ti, algo que me interesou desta selección é o grupo de artistas que parten dunha reflexión sobre os medios. É o caso de Brais Rodríguez, Ana Pérez Ventura, Julia Huete e Aarón Sanromán respecto ao debuxo e a pintura, ou Mar Vicente, quen leva a cabo unha reconstrución dos elementos físicos do cadro (a tea, o bastidor, a pintura), ao estilo do que facía o grupo Support-Surface. Creo que o traballo de Pablo Barreiro, de Marcos Covela ou de Berio Molina parte dunha reflexión sobre o medio que cada un deles usa: a cerámica, a escultura en relación ao deseño industrial e o son, respectivamente. O caso de Nicolás Combarro é similar: traballa co lugar e cos materiais atopados como condición ou punto de partida.

Dentro deste pensamento, por así dicilo, estrutural, que atende a maneira en que a obra se realiza, poderíanse incluír artistas que se preocupan polos problemas da percepción e da lectura da obra, como Xabier Vieiro e Jesu Yáñez. E tamén estarían os casos de Pablo Vence e Samuel Castro, que constrúen enxeñosos mecanismos para pór en escena unha acción determinada, en lugar de representala ou documentala.

Pero logo hai artistas que traballan a partir dun presuposto temático e aplican o medio que mellor lles parece segundo as súas inclinacións e a adecuación ao tema. Sería interesante intentar rastrexar cales son esas temáticas. Creo que hai unha preeminencia do figurativo e do narrativo. Xa suxerín o tema do territorio, pero por suposto hai moitos outros. Un bastante claro é a referencia a cuestións vitais, que inclúe os problemas da identidade (Rosa Neutro, Basilisa Fiestras, Mar Ramón), a memoria (Marta Fortes, Roi Domínguez, Carlota de Leal ), o xénero (David Fidalgo) e o status do artista novo (Edu, Lara Pintos). Como ves, nestas categorías caben artistas que traballan en diferentes medios. Non che parece que poderían ser, nestes casos, máis útiles para entender o seu traballo que a disciplina utilizada?

C.

Se chamei a atención sobre a técnica máis que sobre a temática é porque foi algo que me sorprendeu. Creo, ademais, que é importante buscar ese momento no que a técnica deixa de estar pegada á aprendizaxe para ser unha aliada. Por suposto ambas as cuestións están entrelazadas: como contas as cousas importa, importa a materialidade do traballo, este é tamén un tema en si. Para min, que non estou afeita a verme nesta posición de xurado, foi unha ocasión para reflexionar sobre aqueles camiños que se abren nestas obras que agora se presentan. Interésanme os procesos híbridos, próximos á colaxe, nalgúns dos traballos como en Mar Ramón, Rosa Neutro, Edu ou Berio Molina entre outros. Paréceme que teñen esa capacidade de producir outra cousa. Tamén aqueles que, como ti dis, exploran os límites do medio, xa sexa desde traballos próximos á artesanía, como a cerámica, por exemplo, en Abi Castelo e Pablo Barreiro ou a ilustración en Olmo Cuña. O medio serve aquí como marco e como cuestionamento. E ese cuestionamiento tamén abre perspectivas novas. Esta é unha das cousas que me parece máis importante.

I.

Por suposto, unha determinada temática, un campo cultural de intereses, atopa unha expresión diferente e alcanza significados novos cando toma corpo nun determinado procedemento. Un caso: outro tema que vexo moi presente na actualidade é a revisión do Surrealismo, feita a través dunha linguaxe e dunha iconografía actuais. A presenza do imaxinario, o simbólico e o onírico na obra de Iria Cortizo, Abi Castelo ou de Marta Bran é un exemplo disto. Pero, claro, os distintos materiais, teas no caso de Iria, papel no de Marta e cerámica no de Abi, achegan connotacións e sentidos moi diferentes.

Falaba antes de narratividade. Paréceme que é un compoñente esencial da arte nova da nosa contorna. Penso que uno dos motivos pode ser que as diversas formas de incorporar o narrativo e o metafórico (desde a fragmentación e a apertura de sentido) están moi presentes no ensino das belas artes en Pontevedra. Aínda que é evidente que iso responde a unha tendencia cultural máis ampla. Moitos dos artistas aos que xa nos referimos contan unha historia nas súas obras. No traballo de Borja Santomé tamén vemos unha narración aberta, onde coexiste a descrición dun ambiente, e unhas accións máis ou menos recoñecibles, coa presenza da mancha pictórica como elemento invasivo, asociado á escuridade, á confusión e á inconsciencia. E se pensamos na maneira en que as obras de Martín Rivas e Andrea Torres xogan coa analoxía entre obxectos cargados de significado, darémonos conta de que aquí o medio está ao servizo da metáfora.

C.

Creo que é importante destacar, como ti apuntabas antes, que este premio ten unha longa traxectoria e é un momento importante na carreira destes artistas. Nun contexto como o galego, no que non abundan oportunidades para mostrar o traballo, é importante que haxa lugares, como pode ser este concurso, nos que se poida experimentar, mostrar artistas que non estean nos circuítos, novas propostas. Lugares intermedios entre o museo e a aprendizaxe. Para min o valioso sería entender esta oportunidade como un lugar de intercambio, non só como un concurso.

Necesitamos máis lugares intermedios, lugares de produción, de intercambio, de exhibición. Pero tamén protexer os espazos que existen e que están a traballar de forma profesional.

I.

Si, é desolador pensar que hai convocatorias de apoio á arte nova que desaparecen por falta de financiamento e apoio, ou centros de arte contemporánea que sofren inxerencias políticas e perden o rigor e a vixencia que mantiveran durante anos. Isto está a pasar en toda España, non só en Galicia. E, ben, só nos queda seguir traballando e resistir para que estas novas xeracións (e as outras) teñan lugares de encontro, debate e intercambio, espazos onde produciren e mostraren o traballo.