Presentacion

Martiño Noriega, Alcalde de Santiago

O Premio Auditorio de Galicia para novas e novos artistas chega a súa décima edición coa honra de ser un certame consolidado que ten como obxectivo o apoio a arte emerxente do noso país; e chega, sobre todo, coa satisfacción de ter compartido traballo e ilusión con creadoras e creadores de diferentes xeracións. Con elas e eles sumamos unhas catrocentas pezas expostas e conseguimos dar espazo e visibilidade a máis de mil trescentos artistas. 

Estes premios comezaron a súa andaina en 2001 respondendo a demanda de poñer en relación artistas novas e novos –que tiñan e teñen máis dificultade de atopar circuítos profesionais onde amosar a súa obra– co público. Esta iniciativa continúa hoxe na procura de acadar aquel primeiro obxectivo: o de difundir e impulsar o esforzo das novas xeracións e fomentar o seu desenvolvemento profesional. Unha aposta de futuro que hoxe é presente.

Edición tras edición, o xurado, composto por profesionais vinculados á arte e á cultura, achéganos, logo de ter realizado a sempre difícil tarefa da escolma, a arte máis actual que se está a producir en Galicia. Nesta convocatoria, conforman unha mostra cos traballos de trinta e sete creadoras e creadores que, de seguro, sorprenderán á veciñanza de Compostela con propostas anovadoras e de gran calidade.

Aproveito estas liñas para trasladar o agradecemento do Concello de Santiago ao xurado, por ter compartido este sempre difícil traballo, e a todas e todos os artistas participantes, pois son elas e eles quen fai cada ano posible esta escolma. Finalmente, traslado os parabéns a de premiadas e premiados polo seu traballo e doulles as grazas por nos axudar a seguir anovando a arte da cidade.

Desde o Concello de Santiago seguiremos traballando na procura de ser plataforma de interacción entre os diferentes axentes culturais co fin de continuar a dar voz a artistas emerxentes.

Non me queda máis que convidar a todas e todos a gozar, compartir e contribuír á difusión desta mostra.

  • Martiño Noriega
  • Alcalde de Santiago
  • Presidente do Consello Reitor do Auditorio de Galicia