Xabier

Vieiro

Imagen destacada
Xogo de azar 9 Fotografía fotoquímica-dixital | inxección de tinta sobre papel Hahnemulhe baritado | 100 x 80 cm | 2016
Modelo: Ana González Miranda
Agradecementos : Andrés Etxeita · Mariam Marinho · Carlos Rey · Juan Adrio · Carmen Lage

Xogos de azar reflexiona en torno á fotografía como unha imaxe non fiel do mundo que nos rodea, o problema da representación do corpo, a irrepetibilidade efémera do referente da imaxe e a introdución do acaso como elemento constitutivo da obra de arte. Para conseguilo; púxose en marcha un xogo que introducía condicionantes no uso do dispositivo fotográfico, co-participativo entre modelo e fotógrafo. Alternativamente, e en ausencia un do outro, ambos manchaban aleatoriamente con ceras pigmentadas un espello, sobre o que posteriormente se reflectía o corpo da modelo nunha pose non programada de antemán. Mediante o emprego dunha cámara de placas, o reto consistía despois en trazar un plano de enfoque que atravesase visualmente o reflexo dende a súa superficie ata o reflexo do corpo da modelo; convertendo a superficie do espello nun espazo que, malia estar aparentemente dotado de profundidade, é totalmente inexistente na realidade. Como práctica dunha ecoloxía da imaxe, en consonancia coa filosofía implícita na cámara de placas, acordouse un número clauso de só 35 intentos. Preséntase o resultado número 9, ao saír este determinado polo acaso nunha tirada de dados.

Descargar Catálogo en PDF

Xabier Vieiro (Santiago de Compostela, A Coruña, 1983) Curso estudos da Licenciatura en Comunicación Audiovisual, en Santiago de Compostela, sempre co interese centrado no mundo da fotografía, e obtiven o DEA cunha análise sobre a obra de Andreas Mühler-Pohle. En 2010 estreo, xunto con Noa García, o documentario 3º GZ 1·10 sobre a carpintería de ribeira no noso país. En 2011 despraceime a Camelle (Camariñas) para recuperar e estudar a obra fotográfica de Manfred Gnädinger como tese de doutoramento baixo a dirección de Margarita Ledo.
En 2015 obteño o título de técnico superior en fotografía artística pola EASD Mestre Mateo. Neste centro, obteño o I premio de imaxe corporativa en 2016 coa obra Ferralla. A miña actividade artística conflúe teimudamente na fotografía estenopeica, técnica coa que realizo paisaxes para distintas coleccións particulares, o problema da representación do corpo e a investigación de reflexos anómalos como metáfora da propia fotografía. Colaboro regularmente, ademais, no equipo gráfico do xornal Novas da Galiza.