Rosa

Neutro

Imagen destacada
Non teño rostro. Non son ninguén. Non estou aquí Instalación | medidas variables | 2017

“Non teño rostro. Non son ninguén. Non estou aquí... Outras persoas teñen rostro. Están aquí. O seu mundo é o mundo real”. The waves (1931). Virginia Woolf

Non teño rostro.... enmárcase dentro da serie “Mulleres de pedra”, un proxecto que veño desenvolvendo nos últimos tempos centrado nas problemáticas relacionadas coa muller-creadora. Un traballo que reflexiona en torno á imaxe da pedra como metáfora da inmobilidade, da pasividade ou estatismo, ademais da noción de peso á que nos abocou a nosa condición de mulleres ao longo da historia e a dificultade de poder exercer e desenvolver libremente na sociedade as nosas capacidades intelectuais e artísticas. En contrapartida, é tamén un proxecto que fala da necesidade de superar estes obstáculos a través da creación e da arte.

A obra toma o seu título dun fragmento do libro de Virginia Woolf The waves; Rhoda, repítese para si mesma estas palabras ante a súa imaxe reflectida no espello. A relación da autora co seu corpo é explorada nesta novela a través deste personaxe feminino. Sabemos a través dos seus numerosos diarios que a Virginia Woolf sempre a acompañou un profundo rexeitamento cara ao seu corpo e que lle resultaba moi difícil experimentarse a si mesma como alguén real e completa debido aos sucesivos episodios de despersonalización que padeceu ao longo da súa vida.

Na instalación, composta por varias imaxes, a pedra intervén como elemento que interfire na nosa percepción da identidade do personaxe desdobrado, o rostro convertido en pedra móstrase ao espectador como algo alleo, sen trazos definitivos. A cara é anulada a través deste elemento que, igual que a auga, forman parte do imaxinario persoal da escritora que podemos encontrar ao longo de toda a súa produción literaria. Non é casual que ademais fose este un elemento do que se valería para suicidarse no río Serpentine en marzo de 1941 depositándoas nos petos do seu abrigo. A autora clausura así, non só a súa vida, senón tamén un ciclo creativo no que a palabra fora o seu principal sostén contra a enfermidade mental que padecía e que neses últimos tempos deixara de ter sentido para ela. A linguaxe que antes utilizaba a vontade para xerar obras literarias persoais e únicas deixou de ser válida para protexela dos feitos, e di: “As palabras esborrállanse de súpeto sobre min”. “Acumúlanse nas miñas costas en tales cantidades que sería terrible que non fosen outra cousa que auga enfangada”. As palabras, como pedras afundiríanse con ela aquel 28 de marzo.

Descargar Catálogo en PDF

Rosa Neutro (Cangas do Morrazo, Pontevedra, 1979)
Artista visual e fotógrafa, a súa formación pasa pola licenciatura de Belas Artes na Universidade de Vigo e por realizar estudos de deseño gráfico na Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, disciplina que combina habitualmente co seu traballo creativo. En 2010 gozou dunha estadía artística na Kullturmodel Bräugase de Passau (Alemañ). Recentemente, o seu proxecto Un cuarto propio, comisariado por Rosendo Cid, foi seleccionado por un xurado para formar parte da vindeira tempada de intervencións artísticas da Zona “C” de Santiago de Compostela. Ademais, acaba de ser seleccionada para participar en decembro de 2017 na feira de fotografía Viphoto en Vitoria (País Vasco). Alén da súa faceta artística, nos últimos anos foi coordinadora de diversos espazos como LAB_IN arte múltiple (Vigo), a sala de exposicións Piso dos (Pontevedra) e Espacio Neutro (Marín e Cangas do Morrazo) A súa actividade artística céntrase na fotografía e na fotomontaxe como principal medio para explorar, nos seus últimos traballos sobre todo, os clixés femininos a través de series como “Divas de cine negro” onde explora a memoria desde a súa propia autobiografía así como desde referencias literarias, nunha sorte de enigma para chegar á resolución dun tempo íntimo fóra de calquera acontecer regrado.