Olalla

Castro

Imagen destacada Imagen destacada
Cinco muros Libro de artista manipulable | postais de ceos e postais de murallas intercambiábeis entre si | impresión dixital sobre papel Munken Pure 300 g | 21 x 16 x 2 cm | 25 páx. | 2017
[Realizado coas fotografías tomadas entre 2013 e 2017 en Lugo, Ferrol, Viana do Castelo, Dinan e China]

Desde o final da segunda guerra mundial, unha rede de lugares irmandados xurdiron en todo o mundo. Primeiro, a conexión xuntou cidades fronteirizas, coma vilas francesas e alemás, nun esforzo de acadar a paz e a concordia entre pobos enfrontados. Gradualmente, irmandáronse territorios improbábeis, escollidos polo seu paralelismo en termos de características diversas: xeográficas, estruturais, de nomenclatura, históricas, ou mesmo puramente aleatorias. A miña cidade natal, Lugo, está irmandada con catro lugares: Ferrol, tamén en Galicia; Viana do Castelo, no norte de Portugal; Dinan, na Bretaña e Qinhuangdao, no norte da China. Todos eles teñen murallas de diferentes épocas e estilos. Este libro foi creado entre todos estes espazos. Cinco cidades irmandadas, cinco murallas irmandadas. Muros defensivos que aquí fan de enlace e esvaecen as fronteiras. Configuracións lineais que nos trasladan dun espazo a outro para levar simplemente un lugar a outro lugar. Este paisaxario combina as vistas e os adarves das murallas irmandadas coa vila de Lugo, partindo do local ata chegar ao global. Se as murallas foron construídas para illar, protexer e separar, aquí cumpren a función oposta como enlace de culturas. Créase así unha paisaxe poética entre real e imaxinaria, intercambiando ceos e pedras entre si.

Descargar Catálogo en PDF

Olalla Castro (Lugo, 1989)
Traballa de xeito interdisciplinar arredor da paisaxe como binomio local|global. Estudou Belas Artes na Universidade Politécnica de Valencia, onde residiu ata 2014. Actualmente e tras diferentes estancias en China, Francia e Alemaña, regresou a Galicia e vive e traballa en Lugo. Colaborou na Galerie Mica de Rennes (Francia) durante o ano 2015, e obtivo unha residencia de artista na Casa de Velázquez en setembro de 2016. Destaca o seu traballo en performance xunto a artista romanesa Nicoleta Moise, con quen traballa dende finais de 2013. Xuntas participaron na residencia de artistas Estudio Aberto#4, da Rede Museística Provincial de Lugo, en 2015. Proximamente presentarán o seu traballo na Zona “C” en Santiago de Compostela. Participou en diversas exposicións e mostras, tanto individuais coma colectivas, en centros de sona coma o Van AbbeMuseum (Eindhoven, Holanda), os Art Encounters de Timisoara (Romanía), a Galería BWA SOKOL (Nowy Sacz, Polonia) ou o Centre d’art Lo Pati (Amposta, Tarragona). Presentou así mesmo os seus proxectos videográficos no CGAC no marco do Panorama Galego no XXVIII Festival Cineuropa en 2014.