Miguel

cuba

Imagen destacada
Des arrondissements (Fluctuat nec mergitur) Impresión dixital / 250 x 140 cm / 2017

Froito das miñas vivencias, e debido especialmente ás sensacións experimentadas durante os longos paseos pola cidade, unha noite París figuróuseme como un enorme remuíño. Acostumado a perderme polas súas rúas e a atopar prazas e ruelas fóra da localización que o meu sentido da orientación lles outorgaba, creceu en min a idea dunha urbe inabarcable, na que as constantes variacións do clima (o denominado jet stream é moi acusado en París) tiñan tamén un eco no ánimo dos seus habitantes e ata na estrutura urbana, propiciando un bulebule en permanente estado de cambio e reorganización. Curiosamente, os distritos en París organízanse en forma de espiral, como a cuncha dun caracol, velaí que cada barrio se chame arrondissement, termo que tamén se podería traducir como ‘redonda’. A obra aquí presente amosa esa cidade caótica que muda en infinitas formas, crecendo cunha sorte de movemento helicoidal, fiel ao lema da cidade: fluctuat nec mergitur (mexida polas ondas, pero non mergullada). A pesar da súa índole metafórica, a peza mantense fiel á arquitectura característica de cada barrio, segundo a vin nos meus paseos: o bulebule parte dos barrios do centro, onde se poden ver as características bufardas parisienses e moitos dos edificios máis icónicos (o Louvre, o Pompidou, o Pantheon etc.), e desde o primeiro arrondissement vai ascendendo e medrando helicoidalmente ata estoupar finalmente nos barrios da periferia, a famosa banlieu parisiense, onde se atopan as grandes torres de vivendas das clases máis desfavorecidas. Queda así expulsada da cidade un tipo de arquitectura ben distinta, con menos glamour e máis sucia, que estraga a postal.

Descargar Catálogo en PDF

Fotografía: Begoña Zubero
Miguel Cuba Taboada (Lugo, 1982)
Miguel Cuba é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Combina a faceta investigadora na Facultade coa súa carreira como artista visual, ilustrador e autor de banda deseñada. Na súa traxectoria gozou, entre outras, de bolsas artísticas na Casa Velázquez en Madrid (2015), no Colexio de España en París (2014) ou na Academia de España en Roma (2013). Ten participado en numerosas exposicións nacionais e internacionais, como JustMadrid (Madrid, 2015), Estación XV (Academia de San Fernando, Madrid, 2014), Espaces ouverts (Cité Internationale Paris, 2014) ou Lavori en corso (Roma, 2013). Das súas mostras individuais, cómpre destacar BD de l’Akrasie (Colegio de España, París, 2015), Iconville. A cidade dos signos (Galería Metro, Santiago de Compostela, 2012), ou Visiones de Babilonia (Galería 9the13, A Coruña, 2010). Foi galardoado con diversos premios, como o certame Isaac Díaz Pardo (2013), o Xuventude crea (2010) ou o Novos Valores. Deputación de Pontevedra (2009). En 2011 publicou a súa primeira novela gráfica, Punto de fuga, que foi galardoada cun dos premios para banda deseñada da Xunta de Galicia. Tamén podemos observar o seu traballo como ilustrador en numerosas publicacións.