Lara

Pintos

Imagen destacada
Juventud artística Óleo sobre lenzo | 116 x 89 cm | 2017

Ante marxes como “Poderán participar artistas que sexan menores de...” xorde a preocupación por manterse novx e atractivx, que non se limita ao terreo físico e persoal, senón que está moi presente no mundo da arte contemporánea. A moda e a publicidade contaminan poderosamente a produción artística contemporánea e forman parte deste marcado tempus fugit nesta sociedade narcisista en formato selfie. A preocupación debe ser maior se o soporte artístico non se corresponde a unha aséptica reprodución dunha imaxe. Por iso pinto un lenzo tradicional ao óleo, no que ironizo sobre a moda na arte con elementos tan recorrentes na decoración e na moda (e nas instalacións) como a palmeira e o ananás, a preocupación por cumprir anos e querer seguir no circuíto da produción artística en forma de globos dourados que enchen os instagrams das blogueiras, e a autorrepresentación nun estado tan íntimo como estar en pixama na casa construíndo esta escena.

Descargar Catálogo en PDF

Lara Pintos (A Coruña, 1984)
Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 2010, realiza os seus estudos en Pontevedra e Madrid, logo de titularse en Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña en 2005.
Entre 2010 e 2011 goza da bolsa da Fundación Antonio Gala para novos creadores en Córdoba, onde leva a cabo o seu proxecto multidisciplinar Recuerdos de una silla, que expuxo na Fundación Tres Culturas de Sevilla e nas galerías Sargadelos da Coruña e Ferrol.
A súa obra ten gañado concursos como I Premio de artes plásticas Galiza Crea en 2014, XIII Certame de artes plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña, accésit Balconadas de Betanzos 2016. Tamén foi seleccionada noutros certames como Certamen Pintura Joven Ibercaja 2015, Bienal Internacional de Arte de Cerveira (Portugal), Deputación de Ourense 2015, Arte Joven da Fundación María José Jove.
En 2016 expón individualmente Memoria por habitar na galería coruñesa Monty4, onde explora a identidade da casa nas súas pinturas. Preocupada sempre pola figura da muller artista, realiza o proxecto de retratos “The Dinner Party”, que expón na galería compostelá Federica no era tonta en abril de 2017. Actualmente, reside na Coruña, onde continúa a súa produción artística.