Iago

Eireos

Imagen destacada
Fronteras V (Nación S.A) Acrílico sobre lenzo | tensores con amarre de carraca | 140 x 100 x 40 cm

A obra Fronteras V transita entre a instalación e a pintura. A peza presenta un xogo de forzas demarcadas por varios tensores de carraca que trazan liñas físicas sobre unha serie de lenzos sobrepostos. A estrutura da peza presenta diversas lecturas que versan sobre a liña e o seu tránsito, tanto no seu plano lateral, onde a superposición dos lenzos xera un único canto pictórico composto polos tons dos diversos lenzos inferiores, como en superficie, onde o plano se divide en catro veladuras de diversa intensidade, entre as que transita a pintura en forma de pinga furtiva. As liñas divisorias laranxas xeradas polos tensores de carraca son elementos de división espacial, cromática e forza física, que prolongan a pintura permitíndolle saír do seu formato e da linguaxe pictórica. A intención é demarcar fronteiras, onde é posible atopar trazos pictóricos e liñas divisorias que dialogan nunha peza que xera unha estrutura de forzas atopadas, tensións opresoras e fluidez acuosa, rompendo a fronteira do lenzo para transformar a pintura e o seu soporte tradicional nunha instalación que traspasa o trazo a outras fronteiras e dimensións posibles.

Descargar Catálogo en PDF

O proxecto NACIÓN S.A xorde da procura da identidade individual nun contexto global, onde se cuestionan as figuras, os símbolos e os sentimentos dunha colectividade indeterminada, sendo un factor común e intrínseco a todos os individuos ao longo de toda a historia. O principal obxectivo expón a necesidade de cuestionar, desde unha perspectiva creativa, as ordes históricas, territoriais, políticas e sociais que delimitan o concepto de nación por medio da recreación do nacemento dunha nova identidade, analizando o computo xeral que determina a constitución e a estrutura dun novo símbolo xurídico, ideolóxico e territorial. NACIÓN S.A. é, por tanto, un proxecto ramificado que xera unha rede de imaxes e elementos conectados que falan do territorio, da paisaxe e da memoria colectiva, configurando unha lectura a través da fotografía, do debuxo, do gravado, da pintura e da instalación. A identidade é o punto de partida para establecer unha lectura transversal que traspasa os límites do territorio para pór o acento noutros modos de comprensión ligados á súa memoria relacional e evolutiva.

Iago Eireos (Lugo, 1980)
Iago Eireos é un artista que busca no seu traballo a conxugación de diversas linguaxes plásticas, alternando a narración do medio fotográfico con elementos icónicos e cargas pictóricas, a súa obra presenta unha clara intención de interacción entre o público e a arte contemporánea, mostrando o seu traballo en contornas públicas e urbanas onde busca a interacción e participación desde a proximidade co espectador. Membro fundador do Espazo Lupa, Laboratorio Urbano de Proxectos Artísticos. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo no ano 2008, completa a súa formación académica orientando a súa especialización co ciclo superior de fotografía artística e o ciclo superior artes plásticas en deseño do gravado e técnicas de estampado, ambos cursados na EASD Ramón Falcón, mantén a súa procura como artista en colaboración con diversos centros e universidades de España, Italia, Portugal e Romanía. Obtivo diversos premios e bolsas artísticas que completan a súa formación, como o premio Art&Environment Montalbano (Italia), bolsa de residencia RAM III (Portugal). Bolsa de residencia Fundación Bienal de Cerveira (Portugal). Representante “19 Rostros por Europa” Comisión e Parlamento Europeo, bolsa Leonardo Da Vinci, bolsa de residencia Plan de Mobilidade Creativa, bolsa Novos Valores 09, bolsa Primeira Obra da Fundación Caixa Galicia, bolsa Intracity_08, bolsa Iniciarte da Junta de Andalucía ou a bolsa Fundación Antonio Gala para Jóvenes Creadores.

As súas instalacións, proxectos Site expecific e workshops foron apoiados por espazos como a Cidade da Cultura GAIÁS, Spazio d’arte Schema Polis (Italia), Colección Nautilus Lanzarote, Centro Internacional Musibéria (Portugal), Espazo Santa María la Rica de Alcalá de Henares, Centro Espacio Joven de Valladolid, Centro Vila de Móstoles, Spazio Ottovolarte (Italia), Museo Camón Aznar en Zaragoza, Museo Provincial de Lugo, MuBAM, Museo de León, Casa de Galicia en Madrid, Sala Aparte (Romanía) ou no Centre Cívic Pati Llimona en Barcelona, Workshop en L’Accademia dei Belle Arti dei Firenze (Italia). Workshop na Universidade LABA, Firenze (Italia).

Cabe destacar o seu constante labor expositivo, tanto individual como colectivo, sumando ao longo da súa traxectoria un total de 19 exposicións individuais e 40 colectivas. Entre as súas últimas exposicións individuais destacan Memoria del Paisaje Añadido na Fundación Fernando Villalón, Sevilla. OneProject, ArtMadrid 11, Spazio d’arte Sincresis, CentroCentro Cibeles, Madrid. Memoria del Paisaje Añadido na Fundación Casa Pintada –Museo Gabarrón, Murcia. Art&Environment Montalbano na Galleria Schema Polis, Carmigniano (Italia). Memoria del Paisaje Añadido no Centro Internacional Musibéria, Serpa (Portugal). Memoria del Paisaje Añadido no Centro Espacio Joven, Valladolid.