Carla

Andrade

Imagen destacada
El paisaje está vacío y el vacío es paisaje Vídeo HD | cor | 15 min | 2017

Estudo da nada cando a vemos no esquema cósmico das cousas. O baleiro adquire unha dimensión de obxecto físico, o cero como expresión formal, o baleiro non como unha ausencia senón como a produción de sentido. O baleiro como vacuidade que desafía ser enchida. Percorremos os espazos baleiros do deserto de Atacama que se converterán en espazos case sacros, activamos o oco,para entender a paisaxe como unha escultura.

A paisaxe como espazo de liberación, de tregua ante a lóxica cotiá, aprema unha conciencia crítica afastada da mirada antropocentrista para poder recoñecernos doutro xeito. A paisaxe posúe esa inmensidade do insondable e a súa contemplación é un mecanismo de superación da orde social instaurada, de redefinición dos conceptos aprehendidos e cuestionamento da realidade obrigatoria.

Reflexión sobre a cosmovisión integrada propia da cultura andina, onde os fenómenos naturais están intimamente ligados cos fenómenos míticos e coa vida social. As culturas indíxenas andinas recoñecen a existencia de espíritos da natureza silvestre e dos fenómenos naturais que regulan, controlan e velan polo seu equilibrio, continuidade e benestar. Neste sentido, as potencias sobrenaturais son delegadas en seres mitolóxicos, que teñen poder sobre o respectivo fenómeno ou elemento natural ao seu cargo.

Baixo o título El paisaje está vacío y el vacío es paisaje, frase que remite ao poeta coreano Dalchin Kim e sintetiza todas as ideas expostas; a proposta pretende crear un espazo total que axunte obxectividade e subxectividade, unha realidade-outra, de carácter cuántico, mergullada na vida cotiá, onde non existan as incompatibilidades dos termos opostos. Negación do recoñecemento discriminatorio, pois aquí as cousas xa non teñen o valor do reflexo; para desafiar así os mecanismos de poder occidentais, e restablecer a unidade do home co mundo.

Descargar Catálogo en PDF


Carla Andrade (Vigo, Pontevedra, 1983)
Artista visual licenciada en Comunicación Audiovisual e estudante de Filosofía.
Realizou residencias artísticas en Islandia, Suecia, Bilbao, A Rioxa, Nepal, Chile e París.
Exhibiu o seu traballo de forma individual no MAC da Coruña, Colegio de España en París, Galería Trinta en Santiago de Compostela, Galería Aldama Fabre en Bilbao, CDAN en Huesca, Casa das Artes de Vigo, Fundación BilbaoArte ou Fundación FIArt en Madrid, entre outros. De forma colectiva, o seu traballo mostrouse en centros de arte contemporánea coma o Museo Guggenheim de Bilbao, MARCO de Vigo, Museo do Traxe de Madrid, Real Academia de BBAA de San Fernando en Madrid, 104 en París, Museo de Pontevedra, a Galería Valid Foto en Barcelona etc.; en festivais de fotografía e de cinema como PhotoEspaña, Mois de la Photo (París), Encontros da Imagem (Portugal), Festival Internacional de Fotografía de Granada, Emergent (Lleida), Cineuropa (Santiago de Compostela), Filmadrid, L’Alternativa de Barcelona, Zinebi en Bilbao, Festival de cine de documental de Jilhava (República Checa) ou o (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña; e en países como Estados Unidos, Brasil, Chile, Romanía, Suecia, Alemaña, Reino Unido, Francia, Corea do Sur e Portugal.
Entre os seus premios destacan o primeiro Premio de Artes Plásticas 2013 da Universidade Complutense de Madrid, Premio Artistas Emerxentes Absolut Casa|Arte 2013, Premio Frac Vila de adquisición 2013 da Galería Luis Adelantado de Valencia, Premio Mulleres- Foro-Dialogo Alliançe Française|Pilar Citoler 2012, Premio de Fotografía Comunidad de Madrid SUMMA 2015 (accésit), terceiro Premio Arte Joven Gobierno de La Rioja 2015, entre outros. Foi bolseira coas axudas de Injuve, BilbaoArte, Agadic, Instituto Francés, VEGAP ou as bolsas de creación artística no estranxeiro de Gas Natural Fenosa.

Mediante a fotografía, o vídeo, o cinema, o son ou a instalación, Carla expón a súa propia linguaxe-realidade para xerar contido e pensamento a través da forma e a experiencia estética. Fai uso da eliminación e da negación para voltar ao máis primitivo e inconsciente; á experiencia directa sen unha carga directiva e sen a necesidade de iluminar coa razón, para situarnos fronte a una certa resistencia á ditadura das estruturas e patróns preestablecidos.