Berio

Molina

Imagen destacada
Escapes Instalación sonora. Bambú. Látex. Pallóns de gaita. Inflador eléctrico, dous temporizadores e tubos de plástico | 400 x 400 cm | 2017

Escapes está composta por varias formas de látex que emiten son ao seren infladas de aire. Hai unha forma central máis grande que emite un son continuo e constante e catro masas máis pequenas –arredor dela– que emiten sons máis agudos e breves. A masa máis grande é inflada en períodos máis longos e as máis pequenas en períodos máis curtos, creando en conxunto unha composición sonora dinámica que se vai modulando no tempo. Escapes é o resultado dun proceso que o artista leva traballando nos últimos dous anos.

Escapes é unha composición sonora que explora a capacidade dos obxectos de fuxiren (parafraseando a Alberto Ruiz de Samaniego) ‘das determinacións ordinarias. Desbloquear e desocultar relacións tópicas nas que operan sempre os poderes do cotián, ou do normativo, ou do normalizado‘. A través dunha distorsión formal prodúcese unha rendención obxectual que expande o obxecto e o libera das súas cargas sociais, simbólicas e significativas. Converter un fol nun instrumento de fuga. Abrir canles polas que desborde o aire.

Descargar Catálogo en PDF

Berio Molina (A Fonsagrada, Lugo, 1979)
Artista e cineasta, Berio é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e ampliou os seus estudos cun Máster en arte dixital na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e outro sobre deseño gráfico computerizado no Rochester Institute of Technology (RIT) de Nova York.
Desde 1999 implicouse coa creación colectiva como membro de grupo de performances Flexo, do colectivo arredor da paisaxe sonora escoitar.org, ou do colectivo de arte e acción libre alg-a onde tamén administra a editora de arte sonora Netlabel alg-a.
Actualmente está rematando o filme 7 Limbos que dirixe xunto a Alexandre Cancelo, co apoio das axudas ao talento audiovisual do AGADIC, e está a piques de publicar Setras, unha acción sonora en formato libro que edita Fulgencio Pimentel ao gañar (premio especial do xurado) o Puchi Award concedido por La Casa Encendida neste 2017.
No pasado ano 2016 tamén recibiu o terceiro premio no Festival Internacional de Videoarte FIVA e anteriormente puido ampliar os seu coñecementos artísticas grazas ás bolsas da Fundación Barrié de la Maza ou do Consorcio Audiovisual de Galicia.
O seu traballo ten sido presentado en festivais internacionais como 12th Athens Digital Arts Festival en Grecia, Dança em foco en Rio de Xaneiro, Festival Internacional de Videodanza en Chile, FIVU en Uruguai, Artesons en España, OFF ICMC, LEM e Sonar en Barcelona ou Cleveland Performance Art Festival nos Estados Unidos. O seu traballo foi exposto en museos como MARCO, CGAC, LABORAL, Es Baluard, LCD en Portugal, Hong-Gah en Taiwan, SMAK en Bélxica, KUMU en Estonia ou a Fonoteca Nacional de México.