Abi

Castillo

Imagen destacada

Floricactus
Cerámica e ouro | 34 ø x 35 h cm | 2017



Gusanácea subterráneus espinosa
Cerámica e ouro | 40 ø x 35 h cm | 2017



Aquacrasa
Cerámica e ouro | 31 ø x 30 h cm | 2017



Sacrum ignis cactus
Cerámica e ouro | 25 ø x 33 h cm | 2017



Imagen destacada

Cactus mater
Cerámica e ouro | 25 ø x 30 h cm | 2017



Larva lepidóptera caeruleus
Cerámica e ouro | 60 ø x 74 x 35 cm | 2017


Este proxecto está formado por unha colección de plantas e criaturas que nace como unha evolución de todo o traballo que levo realizando en debuxo e pintura durante os últimos anos. O material cerámico brindoume a posibilidade de materializar o meu propio xardín facendo que cobre vida. Este xardín non é un xardín normal, xa que todas as plantas e criaturas que o habitan teñen delimitado o seu espazo cunha parcela de ouro. Ademais están dotados de rostro porque sinto a necesidade de poñerlle cara a todo animal ou cousa para humanizalos. Cada unha das pezas garda a esencia do meu propio autorretrato onde me represento como elemento natural animado e doce, rodeado á súa vez de elementos punzantes a modo de protección. Esta ambivalencia entre o misticismo e o drama e entre o monstruoso e o belo, está moi presente en todo o meu proxecto, coma se todos eses aguillóns formasen parte dunha coiraza para protexer un interior carnoso, zumarento e brando.

Floricactus
O cacto florido (“floricactus”), medra nos campos frondosos do norte sobre herba tenra. É unha especie moi apreciada pola súa floración xa que a mantén durante os meses de verán e as súas flores son moi resistentes. Estas recollen a auga da choiva nos seus estigmas e fíltrana ao interior da planta, as gotas pasan a un reloxo interno que gotea moi lentamente. Este líquido que se almacena no seu interior é moi valioso xa que quen o posúe pode ver o tempo futuro. Canto máis anciá é a planta, as súas visións de futuro alónganse máis no tempo. Para protexer o seu interior, esta planta está rodeada de aguillóns velenosos que ao contacto coa pel poden producir insomnio ou polo contrario o sono eterno. De aí que esta planta sempre teña unha das súas caras esperta e outra durmida. As súas raíces son pequenos tubérculos que viven de forma independente e son moi apreciadas entre os roedores.

Gusanácea subterránea espinosa
A “Gusanácea subterránea espinosa” crece en terras áridas do sur e pode vivir en condicións climáticas moi secas. Esta planta medra no interior da terra para protexerse do sol e das altas temperaturas, deste xeito mantense fresca e conserva a súa humidade. Só se asoman ao exterior as súas flores, inconfundibles pola súa cor amarela cunha raia negra. Posúe ademais uns afiados aguillóns que impiden que se poida desenterrar. No seu interior viven en harmonía coa planta, uns vermes que lle dan o nome. Estes pequenos invertebrados aliméntanse dela e a súa vez achéganlle mobilidade, xa que cando quedan sen nutrientes, desprazan a “Gusanácea” coma se fosen tentáculos para buscar alimento noutros lugares.

Sacrum ignis cactus
Esta cactácea nace en outono entre as follas caídas. Caracterízase por ter tres brazos que florecen nesta estación. A súa flor é amarela intensa con matices verdes. Os seus aguillóns medran en espiral e mantéñense unidos á planta por un pequeno brote que se xesta no seu interior á calor da chama do seu corazón. Unha vez que o aguillón madura, despréndese da planta e comeza unha vida independente ata converterse noutra “Sacrum ignis cactus”. A súa raíz ten forma de “Y” invertida que absorbe alimentos do solo e das follas en descomposición das árbores. Outra característica desta cactácea son as súas cellas que indican a súa idade. Canto máis brillo teñen, máis novo e ardente é o seu corazón.

Aquacrasa
A “Aquacrasa” recibe o seu nome por ser unha planta que almacena auga no seu interior. Crece en terreos húmidos. As súas flores teñen unha cor azul cobalto moi característica e filtran a auga da choiva cara ao seu interior onde pode chegar a almacenar varios litros. O seus talos son altos e están recubertos por unha codia que recorda á das árbores. A raíz desta planta, da familia das crasas, ten vida propia e florece no seu interior. Unha vez que esta morre, a raíz despréndese e da súa flor nace unha nova “aquacrasa”. Esta planta, produce uns froitos azuis que son moi valiosos xa que a súa hidratación pode facer que non sexa necesario beber auga en varios meses.

Cactus mater
O “Cactus mater” recibe o seu nome porque no seu interior posúe unha bolsa a modo de placenta onde alberga un pequeno cacto que medra no seu interior. Ás oito semanas esta cría de cacto xa ocupa todo o interior da nai. Como o proceso de metamorfose nunha crisálida, o novo cacto despréndese da nai e ocupa o seu lugar. O ciclo vólvese repetir unha e outra vez. A súa flor de tons rosáceos posúe estames con néctar moi doce que lles fascina aos insectos. Outra das súas características e que todas as súas púas florecen en primavera.

Larva lepidóptera caeruleus
A Larva lepidóptera caeruleus ou máis comunmente coñecida como eiruga azul, é a larva da bolboreta caeruleus de dúas cabezas, un insecto moi pouco común que vive oculto nos leitos dos ríos. Ten o corpo cuberto de escamas, o que lle permite pasar longas tempadas somerxida na auga onde se move con moita axilidade grazas aos seus tentáculos. Sobre as súas escamas crece unha peculiar vexetación útil para camuflarse no bosque as tempadas que pasa fóra da auga. As súas púas de ouro macizo son moi cobizados polos humanos. Unha peculiaridade desta eiruga azul son as súas caras nos extremos do seu corpo, esta dupla faciana permítelle estar sempre alerta. As caras aquéndanse para durmir e vixiar, de tal modo que os seus inimigos nunca a sorprenden despistada.

Descargar Catálogo en PDF

Abi Castillo (Vigo, Pontevedra, 1987) Compaxina o seu traballo creativo coa súa faceta de profesora de pintura para nenos. Publicación de O Corazón Tecido de Catarina - Editorial Elvira 2013. Exposición colectiva 28x40x11 Piso Dos, Pontevedra en 2015. Portada para a revista Dot Abril - maio 2016. Ilustracións para o fanzine Ilustrísimas, publicado de forma colectiva en 2016. Ilustración para o fanzine 85C en 2016. Ilustracións para o Mercado Progreso 41 Vigo en 2016. Seleccionada para Unha Ollada Ilustrada Casco Vello Alto de Vigo en 2016. Portada para a revista Croa Magazine en 2016. Exposición colectiva Arte Natura no Pazo Casal de Ferreirós, Poio 2017. Seleccionada para o proxecto Vigo Cidade de Cor do Concello de Vigo e realización dun mural no CEIP García Barbón coa colaboración do escritor Francisco Castro, 2017