Lúa Gándara

Paisaxe que non lembro moi ben
2011

Acrílico, cera e esmalte sobre lenzo
99 x 119 cm

[+]

Todo o que
non tiñamos pensado está
a acontecer [+]

Lúa Gándara

Vigo, Pontevedra, 1988

2011: 1º Premio Novos talentos luso-galaicos na IX Bienal de Pintura Eixo Atlántico / Seleccionada co cadro Tódalas praias ás que non imos ir na X Bienal Internacional Pintor Laxeiro (Lalín) / Seleccionada no

IV Premio Unia de Pintura 2011 coa obra Café despois de comer un día con sol mediano / Seleccionada no Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2011 co cadro Elefante con excavadora e outros complementos. Paisaxe en concordancia cun sofá /2010: Participación expoñendo pintura e vídeo no II encontro internacional universitario IKASART (BEC-Bilbao Exhibition Centre de Barakaldo) / Graduada en Belas Artes na Facultade de Pontevedra da Universidade de Vigo / Asistente de artista invitado como axuda técnica e xestión na XXI Bienal de Pontevedra “Utrópicos”, participando tamén no proxecto “Beta Local” de San Juan de Puerto Rico / Lúa Responde performance sobre as maneiras de explicar e entender a arte no Laboratorio de Mediación da XXXI Bienal de Pontevedra /2006: Exposición de pintura individual Plástico Estático (Área Panorámica de Tui).

luagandara.blogspot.com/

Outra vez hai que volver a explicarse como se ao facer o que xa está feito non fose preciso previamente todo o que debo explicar a continuación. Podería ser como falarlle moito a alguén, xusto dunha forma precisa e perfecta, de estar inspirado porque as verbas caen dos beizos coma se choraras formigas… e ao final decátaste de que hai media hora que o outro está a durmir. Nesta sensación quero resumir a autonomía da obra sobre

o discurso. Outra cuestión é saber ser encantadora e poder explicarme alegremente como complemento. (Ás veces tamén hai que saber ter cinco anos.)

Non me gusta nada dicir o da preocupación polo espazo e polas maneiras de estar (a vida como unha sucesión de preposicións ou o que habería entre os puntos). Encántame tamén afirmar coa negación e xogar ao ambiguo como unha forma de ampliar as posibilidades das cousas. Todo o que non tiñamos pensado está a acontecer. ¿Como asumir –e con bo humor– que a paisaxe se está a trocar en algo tan desordenado e que tanto nos define?

Aquí é un bo momento para reivindicar que cadaquén ten que facer aquilo co que se emocione, que me importa ben pouco, e moito, seguir a pintar paisaxes na época das telecomunicacións. Pode que sexa unha nostalxia do século XIX, da exaltación das emocións mediante a natureza, ou estar afeita dende pequena a miralo todo pola xanela dun coche. Busco un equilibrio no concreto (ou dous).

Non se trata de ser inxenua doutra forma máis que adrede. Saber moi ben ónde se está e non dicilo. Ao final ficaba todo nos bordes das cousas, na liberdade como o recuncho que queda entre o prohibido e o obrigatorio.