Iván Ferreiro

Estratocordio (Da serie Insert coin)
2010-2011

Madeira lacada. Compoñentes electrónicos
Made with arduino.org
140 x 40 x 40 cm

[+]

Un ciclo que
se afasta de cubrir unha necesidade básica,
creando unha necesidade un tanto irracional [+]

Iván Ferreiro

A Coruña, 1985

Licenciado en Belas artes pola Universidade de Vigo na promoción 2001-2010 nas especialidades de escultura e debuxo. Ata a data cursa 1º no grao de historia da arte na UNED.

Actualmente compatibiliza o seu tempo de estudo co emprego de mestre co fin de desenvolver o seu traballo como creador. Un papel que xoga xunto co seu irmán, que lle axuda a afondar nas raíces da electrónica e nas novas tecnoloxías tentando desenvolver novos horizontes e probar os límites do espazo no seu aspecto máis intanxible. Ondas, harmónicos e sons fanse palpables no seu traballo.

Entre 2005 e 2010, iniciou a súa experiencia como novo creador a través da participación en diferentes exposicións colectivas e sempre cunha forte presenza das novas tecnoloxías no seu aspecto máis lúdico e social, no que o espectador é unha parte importante do progreso da obra. A peza “May be missing a semicolon?” foi presentada en Ikasarte no 2010 e supuxo combinar todas as pesquisas que co seu grupo de traballo viña realizando, e emprender un novo derroteiro, o código fonte. O código afonda na programación como técnica para crear obras intanxibles que serían entendibles na rede ou cunha compuntadora persoal como intemedia, investigacións que abre vías a novos proxectos.

Despois de moito divagar tan só podo pensar na arte e na práctica do seu oficio cunhas fortes ligazóns no aspecto mais lúdico de entretemento.

A proposta non está moi afastada da idea dun Arcade e a caprichosa necesidade de entretemento que esta maquina recreativa xera no seu consumidor. A súa aparencia, refinada e atractiva, créanos unha expectativa distorsionada do produto

que enmarca a obra final, un son estridente e sen ritmo ou estrutura, que xera un rexeitamento no espectador co feito de ter que desprenderse dunha cobizada moeda, que gozaba dun fermoso e agradábel confort no seu peto, co fin de pór en marcha o desagradable mecanismo electrónico que esconde a súa cuncha.

A participación do espectador achégase como algo fundamental no desenvolvemento da proposta. Xogar, coa súa vertente mais lúdica é o que fai vibrar a peza. A ósmose entre a peza e o seu interlocutor é o que forza que a obra poida ser consumida como un producto que chega á súa última etapa, para que tempo despois volva ao seu momento de lactación e chore por outra moeda.

Ábrese e péchase un ciclo que se afasta de cubrir unha necesidade básica, creando, no canto, unha necesidade un tanto irracional.