Horacio González Diéguez

Sen título
2011

Instalación (pantalla de leds,
web cam e ordenador)
Medidas variables

Premio accésit

[+]

Na superficie visible só quedan fascinación
e beleza [+]

Horacio González Diéguez

León, 1979

Licenciado en belas artes, estudante de doutoramento en deseño e enxeñería na Universidade de Vigo e profesor de secundaria en Galicia. O seu traballo creativo recente desenvólvese en torno á realidade aumentada, o deseño de aplicacións para dispositivos móbiles e as tecnoloxías GIS orientadas á web, aínda que ten unha forte influencia no erro dixital, as baixas tecnoloxías e a interacción entre os computadores e as persoas.

Forma parte dos colectivos Escoitar.org e VHPLAB como artista e programador de software, a través dos cales participou en exposicións e eventos nacionais e internacionais, tales como Electrolobby Ars Electronica 2006 (Futurelab, Linz), Interactivos 08 (Medialab-Prado, Madrid), Inclusiva-net: redes dixitais e espazo físico (Medialab-Prado, Madrid), Audio HackLAB (Espazo Anexo do MARCO, Vigo), SummerLAB (Laboral Centro de Arte, Xixón), Después del Silecio (Casa Encendida, Madrid), Gateways (Kumu, Tallin, Estonia), Banquete (Laboral Centro de Arte, Xixón e ZKM, Karlsruhe, Allemania), ou Google Art, or How to Hack Google (New Museum, Nova York, EUA).

A obra que se presenta é o resultado dun
reencontro fortuíto do artista coa pintura durante o desenvolvemento dun programa para xerar vídeo en directo con Open Frameworks. Esta librería de C creada por Zachary Lieberman, para que novos artistas programadores se acheguen ao mundo da captura do movemento e recoñecemento de formas a través de vídeo, ofrece moito máis desde a perspectiva do que foi pintor. Pon en mans do artista con absoluta liberdade a matriz de píxeles que compón unha imaxe de vídeo, permitindo traballar con ela coma se fose materia física.

Ter a matriz de vídeo ao alcance da man é poder mover, mesturar, trazar e borrar píxeles, recuperalos de capas inferiores como cando se rasca o lenzo, ou superpoñelos mediante veladuras, é contar cun marco de 720 x 576 puntos e pintura que nunca secase, se fixase ou se cousificase, poder facer, desfacer, gardar e repetir infinita e continuamente, sen limites.

A instalación utiliza unha cámara como ollo, unha pantalla como lenzo, un computador como intérprete e un programa para reinterpretar, transformar e representar de forma continua a información captada pola cámara. Con todo, é de natureza exclusivamente pictórica, non é nin interactiva, nin relacional, nin conceptual, unicamente ofrece ao espectador luz, cor e textura. O seu discurso é críptico, esta encerrado na natureza das operacións e transformacións que xeran a imaxe, na natureza da relación da obra co artista. Na superficie visible só quedan fascinación e beleza.