Fruela Alonso

As Novas Catedrais: O pavillón II.
2011

Acrílico sobre madeira
122 x 244 cm

[+]

As novas catedrais son eses edificios que por unha banda poden ser vistos como os non-lugares de Marc Augé [+]

Fruela Alonso

Laviana, Asturias, 1974

Naceu en Asturias en 1974. Estudou a especialidade de pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra entre os anos 1992 e 1998. Vive e traballa en Pontevedra. Dende o ano 1999 ata o 2001 realizou o programa de doutoramento Alternancias en torno ao debuxo, impartido polo Departamento de Debuxo da Universidade de Vigo. Dende o ano 2003 pertence ao grupo de investigación Os compoñentes do proceso creativo: a súa importancia e funcionamento na produción de

obras artísticas, do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo. Recibiu varias bolsas en apoio ao seu traballo pictórico, entre elas a que lle outorgou a Fundación Rodríguez Acosta de Granada dentro do seu programa Paisaje no ano 1998. Xa no ano 2002 concedéronlle unha bolsa predoutoral de axuda á investigación da Universidade de Vigo que lle foi renovada en 2003. Nese mesmo ano tamén recibiu unha bolsa de creación Novos valores da Deputación Provincial de Pontevedra. Foi recoñecido co primeiro premio no VII Certame de pintura Comarca do Sar no ano 2004, en 2006 déronlle un accésit no 23º Certame de pintura Concello de Cambre e en 2007 o primeiro galardón no II Premio de pintura María José Jove. No 2011 recibiu o premio adquisición da Deputación da Coruña.

Expuxo en numerosas mostras colectivas das que cabe destacar a realizada no espazo anexo do Museo de Arte Contemporánea de Vigo co título Aberto por obras, en 2005. Das exposicións individuais destaca a que realizou no Centro Torrente Ballester de Ferrol baixo o título Caminos hacia un paisaje, 2003, dentro do ciclo Miradas virxes; nese mesmo ano expuxo tamén de forma individual na Sala Alterarte do Campus de Ourense

baixo o título Aquel insensato juego de pintar. Noutra liña, colaborou en numerosos proxectos relacionados coa pintura mural.

No referente a súa experiencia profesional universitaria pódese destacar a invitación do Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra para impartir clases na materia de introdución á análise e o proxecto pictórico. No ano 2010 impartiu a materia de arte e escena multimedia II e, en 2011, imaxe II, ambas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Traballa coa Galería Metro Arte Contemporánea de Santiago de Compostela desde o ano 2007.

www.sitioweb.com/fruela/

Esta serie non xurdiu cunha idea premeditada nin predeterminada, mais ben naceu conceptualmente despois de pintar con éxito o primeiro cadro do pavillón e o do estadio de fútbol.

As novas catedrais son eses edificios que por unha banda poden ser vistos como os non-lugares de Marc Augé. Lugares de tránsito, posto que non son espazos habitables, senón que só teñen un uso para actividades moi concretas, a determinadas horas e en días sinalados, cando o resto do tempo se atopan baleiros, deshabitados e até desolados. De todos os xeitos, polas cantidades inxentes de espectadores ou usuarios deses espazos, podería dicirse que hai nisto unha forma nova de habitar; pero este xeito de

ocupación de espazos non se debería ter en conta, xa que subverte o senso máis amplo do que significa a palabra habitar. Permanecen baleiros sen atender a outra función que non sexa a marcada pola actividade para a que foron construídos. É chocante o tempo e o espazo que ocupan cando non son edificios de uso diario nin dunha necesidade que diriamos premente.

Pensamos en espazos nos que se invisten grandes cantidades de diñeiro, construídos cunha función, pero que non chegan a desempeñala polo gasto que supón; pois pola megalomanía con que foron erixidos, co desembolso que requiren para a súa edificación, acaban por quedar baleiros (como eses grandes museos), sen uso ou sendo infrautilizados polo custo do seu mantemento. Quen sabe se non acabarán abandonados mesmo antes de facelos funcionar, ou convertidos en ruínas dentro dunhas décadas sen ser sequera utilizados ou rendibilizados. Polo custo de mantemento e restauración non son viables.

Son macroedificios construídos sen atenderen en ocasións ao lugar onde van ser instalados, quedando como enormes monumentos para os seus ideólogos que non fan senón desvirtuar a

imaxe do espazo onde se constrúen ou onde se instalan, descontextualizándoo, pois parecen estar neses lugares de maneira temporal. Primeiramente habería que dicir que esta serie non comezou como tal cousa, senón cun cadro que se titulou As novas catedrais: Estadio de fútbol Gottlieb Daimler. Stuttgart (acrílico sobre lenzo. 150 x 190cm. 2006-2007).

As imaxes coas que traballo pódense ver como partes dunha mesma historia entre as que hai que ir compondo e ficcionando o desenvolvemento. Todas as imaxes e todos os cadros, non só os desta serie, irían neste senso, construíndo os detalles dunha viaxe imaxinaria ou ficticia máis que real polo estado emocional que nos embarga no tempo que dura.

Doutra banda son momentos dese intervalo anterior á desaparición total da luz diúrna. Ese momento entre lusco e fusco onde xa non hai suficiente claridade para que o ollo poida ver e, con todo, a escuridade non é tal como para que o ollo se afaga. É o momento en que a visión é difusa, onde as formas se perden ou non son tan nidias. Vemos… pero non sabemos de certo se realmente estamos a ver. É ese momento no que pomos en dúbida a nosa capacidade visual. Tentamos abrir os ollos, fixar a mirada, pero por moito que nos

esforcemos, somos conscientes de que non apreciamos todo o que habería de verse e non sabemos se o percibido é real ou imaxinado. Ese intervalo é interesante por como nos fai pór en dúbida o noso ollar e polo xeito de metamorfosearse; pola celeridade do cambio, que non deixa que nos afagamos e fai difícil a fixación.

Ao principio todo eran dúbidas sobre se tiña senso o pintar un cadro con esta temática e se podería funcionar como imaxe. Non é até máis tarde, cando se realiza, que as dúbidas se despexan ao ver materializado o pretendido. Se se pinta é precisamente por ese intento de esclarecemento, aínda que nunca nada quede completamente claro, pero polo menos o que se ten é a sensación de estar máis preto de acadar o noso propósito. Foi despois cando xurdiría a idea de pintar outros edificios e outras composicións. Até agora, esta serie consta de tres cadros sobre o motivo do estadio de fútbol Gottlieb Daimler (dous dos cales se atopan en proceso) e cinco co motivo do Pavillón, dos cales un é o que se presenta a concurso. A idea é ir aumentando en motivos que vaian matizando e ampliando a concepción, xerando novos espazos de significación que conformen o pensamento ao redor do que nos estamos movendo.