Carlos Álvarez

Xoguetes
2011

Peana, xogos, recordos e xoguetes
Medidas variables

[+]

Quero reflectir unha realidade crúa utilizando elementos que aluden á infancia [+]

Carlos Álvarez

Vigo, Pontevedra, 1985

Actualmente estudo o 5º curso da Licenciatura
de Belas Artes en Pontevedra.

A continuación, indico as exposicións nas que participei nestes anos: Art Xove 2011 – Pontedeume, Casa da cultura. Do 16 de abril ao 1 de maio de 2011. [Catálogo depósito legal C 784 – 2011] / Página 10 – Pontevedra, Galería Sargadelos (sala Torrado). Do 3 de xuño ao 28 de xullo de 2010. [Catálogo ISBN 978-84-693-5960-0, depósito legal PO 403 – 2010]

Os concursos nos que me seleccionaron obra foron os seguintes: Novos valores 2011. Obra seleccionada– Pontevedra, sexto edificio do Museo de Pontevedra. Do 28 de xullo ao 18 de setembro. [Catálogo ISBN 978-84-95632-51-7, depósito legal C 1857-2011] / IX Premio de Pintura Universidade de Vigo – Vigo, Extensión universitaria edificio Miralles / I Certame de pintura Antonio Quesada – Vigo, Casa da Cultura. Organizado polo Museo da Cidade “Quiñones de León” e o Concello de Vigo. Do 29 de abril ao 1 de maio de 2011.

www.carlosag.es

Xoguetes é unha instalación na que traballei co concepto de poder, neste caso o poder militar, que xunto ao económico e ao relixioso son os tres poderes máis importantes na actualidade.

Coa miña obra quero reflectir unha realidade crúa utilizando elementos que aluden á infancia.

Ao utilizar xoguetes como material, un elemento tan representativo da infancia, trato de forma inocente un tema importante como é a guerra. Os elementos colocáronse estratexicamente para completar a silueta da sombra detallada dun tanque na parte baixa da parede.

Sobre a peaña tombada, coloquei e peguei algúns xoguetes, recordos e xogos debuxando sobre o plano vertical da parede, utilizando o proxector como punto de luz.

O uso do xoguete é unha constante no meu traballo. Falar da violencia ou da guerra desta maneira inocente sérveme para sensibilizar a xente a través da miña obra. O interesante destas pezas non só está no uso dun obxecto infantil para tratar o tema da guerra, aspectos en principio antagónicos, senón tamén na propia idea de xogo que vai implícita no proceso de montaxe das pezas. Todo isto preséntase ante o espectador como un xogo aparentemente casual pero, pola contra, está moi elaborado e planificado.

Estas pezas posúen dous niveis de percepción, unha correspondería ao obxecto e á súa acumulación e outro á imaxe proxectada, á sombra.