Begoña Ante

Sen título
2010

Fotografía dixital [díptico]
67 x 100 cm c/u

[+]

A cidade
é un texto
que debe ser interpretado [+]

Begoña Ante

Vigo, Pontevedra, 1984

Licenciada en belas artes pola Facultade de Pontevedra, completa a súa formación coa obtención do diploma de estudos avanzados (DEA) co traballo de investigación La palabra negada. Estrategias de anulación de textos urbanos en la fotografía contemporánea, e o Máster en arte, museoloxía e

crítica contemporáneas da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela e o CGAC. Participou en varias exposicións colectivas como son Pasos perdidos na Fundación Laxeiro (2010), Suxeitos difusos en redes severas na Casa das Campás de Pontevedra (2009), It Art na Palloza da Coruña (2009), Fototalentos 08 na Cidade Financeira de Bohadilla del Monte de Madrid (2008), Pintores pensionados del Palacio de Quintanar na Sala de la Alhóndiga de Segovia (2007) ou 1 cm hacia dentro na Sala Teucro de Pontevedra (2007). Así mesmo, participou en varios

proxectos de investigación como Estudio psicogeográfico del Campus de Pontevedra ou Manual de escultura contemporánea: ejercicios y problemas, ambos os dous subvencionados pola Cátedra Filgueira Valverde.

Outorgáronselle varias bolsas e premios, entre os que destacan, bolsa de asistencia e presentación de comunicación no I Encontro de artistas novos “Cidade da Cultura” na Cidade da Cultura de Galicia (2011), selección no X Certame de artes plásticas Deputación de Ourense (2011), 2º premio no Certame de pintura Antonio Quesada do Museo Quiñones de León de Vigo (2011), bolsa do Ministerio de Educación de mobilidade para a mención europea no título de doutor en Hogescholl Sint-Lukas Brussel de Bruxelas (2010), selección en Novos valores 08 (2008), selección en Fototalentos 08 (2008), bolsa Leonardo da Vinci en Portugal (2008), 3º premio no VII Certame de fotografía “Mulleres” (2008) ou bolsa Curso de pintores pensionados del Palacio de Quintanar (2007).

Actualmente está a realizar a súa tese en belas artes, compaxinándoa co comisariado do proxecto Algo máis de cor. Terapia habitación de hospital, un proxecto artístico en colaboración coa artista Mónica Alonso e coa contribución económica do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Escola Camilio José Cela, a Fundación Andrea e a Deputación da Coruña.

O díptico fotográfico Sen título forma parte dunha serie de pezas artísticas nas que Begoña Ante traballa desenvolvendo unha clara liña de investigación na que reflexiona sobre o tema da publicidade, o consumismo e a invasión de marcas comerciais na cidade, mediante a súa anulación, a eliminación, a desaparición de todo tipo de texto publicitario nas rúas, creando así no espectador estados de reflexión e contemplación, ou sensación de desconcerto, de descanso e silencio visuais.

Trátase dunha perspectiva de contraposición: a ausencia de signos e marcas publicitarias na ficción da obra fronte ao nivel de presenza que estas teñen en realidade. Actualmente, as cidades espertan cada vez máis interese, non só porqué concentran a maioría da poboación mundial ou porque constitúen os maiores centros de redes de información, produción e consumo que constitúen o mundo, senón como abstracción inmaterial, invisible que conforma as relacións e identidades

sociais básicas que constrúen as ideas, os valores e a cultura. A cidade é un texto que debe ser interpretado. As formas mediáticas bidimensionais multiplicáronse e expandíronse como unha “negra sombra” ata un punto no que nos vemos continuamente bombardeados con imaxinaría visual. A súa influencia é penetrante, en sentido positivo e negativo: poden informar, dirixir, influír, excitar, confundir e irritar. Pasear por unha rúa pode supoñer vernos enfrontados a un gran número de carteis, publicidade e propaganda social a múltiples escalas.

Esta situación leva consigo o seu perigo e chegará o día en que comezaremos a volvernos contra os logos e o control que a totalidade do poder das empresas exerce nos nosos espazos. Quizais exista un momento en que a idea das marcas chegue a un punto de saturación, e a sociedade se volva contra elas. Mentres tanto, o mundo da arte comeza a posicionarse. Mediante o borrar presente nas fotografías, preténdese reflexionar sobre a sobreinformación, o consumo na era tecnolóxica e o papel do individuo sometido ás novas leis.

“Imaxino a realidade que vivimos como se fose unha ocupación militar. Fomos ocupados, tal como o foron os franceses e os noruegueses polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial, pero esta vez por un exército de publicitarios. Debemos recuperar o noso país de mans dos que ocuparon en nome dos seus amos mundiais.” Ursula Franklin. Esta reflexión é o eixe da tese de belas artes que está a realizar e a liña que segue o seu traballo artístico nos últimos anos.