Antía Moure

Tenemos las obras que nos merecemos
[Temos as obras que nos merecemos]
2010

Fotografía dixital sobre dibond.
[Papel arte Hahnemhule Photo Rag
de 308 grs/m2 algodón 100%.
Tintas minerais Ultrachrome k3]
105 x 70 cm Edición 1/5 [Ed. 5+2PA]

[+]

Un intento
por abordar
a construción
da identidade da psique humana [+]

Antía Moure

Monforte de Lemos, Lugo, 1981

.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, na actualidade cursa estudos do grao de historia da arte pola UNED. Completa a súa formación cun máster de xestión cultural na Universidade Carlos III de Madrid, e numerosos cursos e seminarios. Vive e traballa en Madrid como xestora cultural para institucións e empresas de prestixio como o Ministerio de Cultura, a Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, La Fábrica ou o Festival Ingráfica, entre outros. Desenvolve a súa actividade artística entre Galicia e Madrid, representada actualmente polas galerías Factoría Compostela (Santiago) e Carlos Carvalho Arte Contemporánea (Lisboa).

A súa nova traxectoria creativa vén determinada pola presenza en destacadas publicacións como 100 new artists de Francesca Gabin, Ed. Laurence King Publishing (Londres-2011); certames como a bolsa Feima-Fundación Laxeiro á creación artística (accésit) ou o Certame de videocreación e formatos dixitais de Caixa Galicia (primeiro premio, artista novel); en proxectos da importancia do Archivo de Creadores de Matadero-Madrid, na selección de artistas realizada polo comisario David Barro, ou en PhotoEspaña 08; así como pola súa participación en exposicións colectivas de tese como Archimobill, no Museo de Arte Carrillo Gil Ciudad de Méjico (DF), ou We are pleased to invite you na Galería Carlos Carvalho de Lisboa, ambas no ano 2011.

Destacan as súas exposicións individuais na Factoría Compostela (Santiago), na Galería Carlos Carvalho (Lisboa) ou na Zona “C” (Santiago), entre outras, así como a presenza da súa obra en feiras nacionais e internacionais como ARCO, Espacio Atlántico, D´FOTO, Madrid Foto, China International Gallery Exposition de Beijing, Colonia Liste Köln ou Bridge Art Fair de Nueva York.

Na actualidade as súas pezas forman parte de coleccións como a Colección Espacio Atlántico, Fundación Caixa Galicia ou Fundación Laxeiro, entre outras.

A obra é un intento por abordar a construción da identidade da psique humana, por afrontar o diálogo que se establece entre o individuo e o seu contexto histórico, social e cultural. Alude á interacción do home co espazo/tempo, coas imaxes e os obxectos. En definitiva a relación do individuo coa contorna, consigo mesmo e co outro.

O rostro entendido como outro espazo. O espazo no que habita a identidade da persoa, que reflicte as transformacións que sofre un individuo, o lugar que une os trazos que posibilitan e facilitan o ser recoñecido e o parecerse a.

Na imaxe aparece un fragmento do rostro de Marilyn M. e varios espazos en branco, todos eles posibles retratos que parecen deixar de expresar presenza para falar agora de ausencia. Un lugar de memoria, un círculo de tensión entre realidade e representación, entre sinceridade e engano, entre beleza e desencanto.

A imaxe busca establecer contacto visual, reclama unha mirada aos ollos, convida á interpretación dun xesto descontextualizado. O conxunto pretende espertar unha complicidade ambigua, un diálogo que posibilite ao espectador a construción de novos significados.