Amaya González

A trampa (da serie Reminiscencias da infancia)
2008

Cubo de rubik intervido
Medidas variables

[+]

A trampa é unha homenaxe ao fracaso, ao propio e ao alleo, a esa mestura de felicidade con vergoña [+]

Amaya González

Pontevedra, 1979

Licenciada en belas artes nas especialidades de escultura e pintura (Universidade de Vigo). Realizou estancias de investigación na Escola Superior de Arquitectura de Guimarães (Universidade do Minho) e estancias de traballo e formación en Arteleku (San Sebastián), Museo Serralves (Porto) e na Laboral

Escena (Xixón), asistiu a talleres internacionais con artistas como Gabriel Orozco (Fundación Botín, Santander), Isidoro Valcárcel Medina (Facultade de Belas Artes, Pontevedra) ou David Lamelas (MARCO, Vigo), entre outros. Recibiu a bolsa de creación artística da Fundación Laxeiro de Vigo, a bolsa de produción do programa Mugatxoan e a axuda á produción artística do Centro Cultural Montehermoso Kulturenea de Vitoria.

Actualmente, a súa obra, que podería definirse como interdisciplinar, está presente en numerosas exposicións de arte contemporánea en centros de recoñecido prestixio (CGAC, MARCO, etc.) e en feiras de arte nacionais e internacionais. Traballa como artista plástica e visual mentres continúa realizando a súa tese de doutoramento centrada no proceso creativo como parte fundamental da obra.

¿Quen non estivo, de cativo, tentado a desmontar o cubo de rubik e enfrontarse dalgún modo á súa incapacidade para aplicar a lóxica? ¿Cantos puideron solucionalo e cantos argallaron un modo alternativo de facelo e crer, por un intre, na súa heroicidade?

A trampa é unha homenaxe ao fracaso, ao propio e ao alleo, a esa mestura de felicidade con vergoña, a esa mentira que nós mesmos construímos e que nos fai vivir un pouco na propia fantasía. É o resultado dun pequeno xesto, o tempo detido no proceso da estratexia no momento no que algo non vai, mostrando un erro que fai evidente a nosa situación, é un quebro na mentira que nos devolve ao noso lugar.