Álvaro Negro

Ruína (diálogo do anxo coa voz)
2011

Impresión de tintas pigmentadas sobre papel
150 x 81 cm c/u [Tríptico]

[+]

Unha estética que é indisociable
da política, é dicir, que é contraposta
ao ideolóxico [+]

Álvaro Negro

Lalín, Pontevedra, 1973

Álvaro Negro licenciouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo (1996). Posteriormente cursou un máster en belas artes (MA Fine Art) no Central Saint Martins College of Art and Design, University of the Arts, Londres (2003).

Como artista profesional vén desenvolvendo a súa carreira desde o ano 1997, sendo a pintura o centro das súas primeiras investigacións. Co tempo, os seus intereses foron decantándose cara á fotografía e ao vídeo, sendo a interrelación co espazo e a arquitectura o punto de partida de moitas das súas

propostas, aínda que tamén se aprecian referencias que abranguen a propia historia da pintura, cineastas clásicos e máis experimentais, ou outros artistas contemporáneos. Os seus últimos proxectos, como o que desenvolveu en Berlín desde o ano 2007, son máis extensos tanto na súa xestación como no desenvolvemento e decantáronse cara a unha narrativa máis autobiográfica e complexa. As referencias anteriormente citadas entrecrúzanse na súa obra con reflexións sobre a idea de viaxe, o contemplativo, o temporal, o belo ou o sublime, etc., pero todo iso supeditado á fenomenoloxía do propio feito do mirar (exercicio en permanente mutación) como modo de procura do acontecemento.

Expuxo individualmente nas galerías Fúcares (Madrid e Almagro), Carlos Carvalho (Lisboa), Mario Sequeira (Braga), SCQ (Santiago de Compostela), Marisa Marimón (Ourense); e en centros expositivos como a Fundación Laxeiro (Vigo) ou o Carpe Diem Arte e Pesquisa (Lisboa). Entre as súas exposicións colectivas podemos destacar: En construcción2 (Fundación Pedro

Barrié de la Maza, Vigo), Antes de ayer y pasado mañana, o lo que la pintura puede ser hoy (MACUF, A Coruña), Parangolé (Museo Patio Herreriano, Valladolid), Mapas, cosmogonías e puntos de referencia (CGAC, Santiago de Compostela), Videozoom, Puntos suspensivos… Estados sen resolver (Sala 1, Roma, e BizArt Center, Shanghai), El ojo que ves, Colección Circa XX-Pilar Citoler (Fundación Caixa Galicia, Pontevedra y Ferrol) Urbanitas (MARCO, Vigo), Cine y casi cine (Museo Nacional de Arte Reina Sofia, Madrid), The Artist Cinema (Frieze Art Fair, London), Pintura sin gesto (San Juán Hospital, Almagro), Sky Shout. A pintura despois da pintura (Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela), Latitudes II: Pintura/Expansión (Fundación Caixa Galicia, Pontevedra e Lugo).

A súa obra está presente en coleccións como a de Pilar Citoler, CGAC (Santiago de Compostela), Nova Caixa Galicia, Purificación García, Comunidad Autónoma de Madrid, MACUF (A Coruña), ou o MARCO (Vigo).

www.alvaronegro.com/

As tres imaxes do tríptico pertencen ao parque de bombeiros de Santiago de Compostela que o estudio arquitectónico de Noguerol e Díez proxectaron en 2002. Desgraciadamente, como con tantas obras públicas, a obra paralizouse e o xa construído quedou exposto ao desgaste do tempo. O seu estado actual é o dunha ruína de formigón e ferro á que os efectos do clima e da natureza outorgaron un carácter que oscila entre o monumental-escultórico (a torre) ou o aspecto dunha intervención arquitectónica que fose pensada para enmarcar un xardín entrópico. Foi esta re-lectura a que quixen plasmar nunha transformación das imaxes que busca transformar o espazo físico en metafísico.

A torre e o xardín alegorízanse en diálogo cos textos que acompañan as imaxes, os cales, de novo, están traballados a partir de poemas de Chus Pato e en colaboración con ela. Con esta autora veño traballando puntualmente nos últimos anos pois atopamos unha estética común que, coma neste caso, fala dende unha poética radical que se move no tempo entre a Historia e o relato, a linguaxe e a prelinguaxe, a imaxe como materia escrita e a palabra coma límite poético, o corpo e o anxélico, etc. Todo isto dende unha estética que é indisociable da política, é dicir, que é contraposta ao ideolóxico.