cerrar artistas

Presentamos desde o Concello de Santiago o Premio para novos artistas Auditorio de Galicia na sétima edición dunha convocatoria que tivo o seu inicio no ano 2001 e que con periodicidade bienal está aberta a todas as formas de creación.

Os premios son fiestra de encontro entre artistas e público. En cada edición a calidade e diversidade das obras presentadas achéganos os retos e as indecisións de creadores que na maioría dos casos están comezando a desenvolver unha traxectoria, tanto desde a formación en escolas de arte (como a Facultade de Belas Artes de Pontevedra que fornece un número importante de licenciados de cada promoción ou alumado dos últimos cursos e doutoramento), como desde o autodidactismo.

O xurado de expertos, a quen agradecemos o seu rigoroso e sempre dificultoso labor, seleccionou corenta traballos que nos permitirán interrogar e cuestionar o feito artístico máis novo.

Tamén presentamos un novo microsite e-auditoriodegalicia.net, enderezo web no que se aloxa a publicación que presenta esta exposición. Unha forma de edición de fácil acceso coa que os creadores poderán difundir o seu traballo e dar a coñecer de forma inmediata a súa obra en calquera lugar do mundo. A nosa pretensión é que esta páxina se converta en canle de información e comunicación.

Non queremos deixar de expresar os nosos máis sinceros parabéns aos seleccionados e tamén a todos aqueles artistas que edición tras edición se presentan facendo destes premios unha cita ineludible. E unha mención especial para os premiados cos que compartimos ilusión e desexos de que estes galardóns sexan apoio e acicate que axuden no desenvolvemento da súa actividade.

Ángel Currás Fernández
Concelleiro de Cultura e Educación

cerrar presentación

A exposición como diagrama,
como dispositivo

Pezas presentadas ao concurso, que recompoñen o puzzle nun espazo, que interactúan e propoñen itinerarios.

Percorremos o espazo da exposición como quen percorre un diagrama, inventando afinidades, buscando fíos e novas narrativas. Contemplamos as pezas e atravesamos o conxunto.

O Atlas da memoria de Aby Warburg ensinounos a establecer relacións entre as imaxes que proceden de diversas épocas, relacións en continua mudanza. A idea de diagrama, o dispositivo que propón itinerarios posibles, achéganos á actitude participativa do espectador; podemos deixarnos levar ou podemos propoñernos a contemplación como unha busca, algunhas das obras ocuparán un espazo no noso imaxinario e interactuarán coas nosas lembranzas, coas sensacións que vivimos noutros espazos, noutras exposicións, nalgunhas viaxes.

Nesta exposición cada obra ocupa un lugar, na proximidade doutra peza que foi xerada nun contexto distinto por outra persoa con desexos e proxeccións de futuro diferentes. Pero podemos rastrexar certo latexo, o espírito dos tempos, os temas que retornan con novas relecturas.

A primeira tentación é buscar unha coherencia xeracional. Non existe. A miúdo inventamos mediante unha mirada externa e estereotipada un discurso xeracional, que resulta cómodo, porque contribúe á visibilidade, pero é artificial. O que atopamos son preocupacións comúns, procesos, modos de traballar e reinterpretar a época que estamos a vivir.

Debemos deambular entre as pezas con actitude de busca, porque existen diversas capas de significado como nun palimpsesto. No tránsito debemos recuperar o pracer de descubrir novas perspectivas.

Espertamos no medio dun enorme barullo, o inmenso arquivo ao que accedemos, as imaxes, as referencias, as citacións, e cada quen seguindo varios fíos. A rede tecida colectivamente cara a todas as direccións é feminina, teorizaba Sadie Plant no seu libro ceros +unos. O número de imaxes que nos habita é cada vez maior, e debemos argumentar acerca da súa capacidade de permanencia no contexto cotián no que saltamos dunha información a outra co click ou co deslizamento do dedo na pantalla do móbil.

Seres distraídos, pero buscando ao mesmo tempo unha renovada relación coa materia, coas texturas. Tras os efectos 3D, tras a saturación de efectos dixitais, volvemos ao debuxo, á tinta, ao papel.

Deben desistir os apocalípticos da pintura, comprobamos a convivencia entre os máis variados soportes, leds, pantallas, pintura que coloniza a parede, papeis pegados na cidade, colaxe e escrita estampada na superficie da sala.

Achegarnos a mirar, fermosa maneira de interactuar, prolongarnos polas salas, atopando asociacións que só nós creamos como espectadores que poñen a traballar a súa bagaxe, a súa mirada.

Atopamos o xogo coas maquetas, coas escalas, nas pezas de Hugo Aldatz e Lucía García, pezas que poden construír un itinerario coas esculturas e instalacións que traballan cos obxectos, co xoguete como no caso de Carlos Álvarez, coa ironía, como na pintura de Josetxu F. Cárcamo El mentiroso de mi vecino ou na coroa de plástico de Maria Blanco ou o cubo de Rubik intervido de Amaya González. A ironía tamén está presente no traballo que se sitúa á contra, ironizando sobre o transcendente como no caso da estampación sobre a parede de Noemí Lorenzo Mantra. Yo madrugo para ser inútil durante más tiempo, repeticións escolares sobre a parede.

Hai unha continua reinterpretación da arquitectura e do contexto urbano que palpitan en moitos dos traballos pictóricos e fotográficos, na obra de Fruela Alonso As Novas Catedrais: O pavillón II, tamén na de Iván Franco, Arquitecturas panópticas, Carlos Maciá e nas fotografías feitas dende o tren bala do Xapón ou Álvaro Negro en Ruína (Diálogo do anxo coa voz), pintores que dialogan coa fotografía e fotógrafos que dialogan coa pintura, indistintamente, sen que precisemos xustificación ningunha.

Proxectos que falan da paisaxe e da súa codificación: “Os mapas son desde sempre o medio para facerse presente o espazo, para fixar o simultáneo e xuxtaposto sobre o que tan difícil é falar sincronicamente. Probablemente os mapas sexan a forma máis importante das que o ser humano creou para escapar do horror vacui, unha rede de liñas e puntos que tende sobre o mundo para proporcionarse algunha orientación.” P. 55 No espazo lemos o tempo.

Esta cita de Karl Schlögel sérvenos para contextualizar o traballo que presenta nesta exposición Ismael Teira que utiliza a ferramenta de google maps para atopar a localización do Camp Nou e utilizar as coordenadas como parte da imaxe que presenta. Conviven coa inclusión destas novas ferramentas os vellos procedementos surrealistas e dadaístas na utilización da colaxe por parte de Misha Bies Golas Políptico de artefactos e amalgamas.

É interesante resaltar que a dinámica da convocatoria permite que algúns participantes propoñan proxectos específicos para o espazo do Auditorio, como no caso de Jacobo Bugarín, que intervén nos espazos do baño mediante filtros de cor nas luces e listón de madeira, modifica a nosa relación co espazo xustamente onde as convencións dos espazos de exposición nos pillan desprevidos, acoutamos a exposición e acudimos ao baño con outro ánimo. É pertinente que se propoñan varias vías de actuación, que se permitan explorar distintos procedementos para as obras “presentes” na exposición.

Na fotografía atopamos propostas que reflexionan sobre a narratividade, secuencias e xogos coa escenificación dos obxectos. Hai ademais un renovado interese polo arquivo, polos sistemas de rexistro e sistematización. É o caso de Rosendo Cid Menor na serie Obxectos espontáneos ou a serie de Miriam Cartagena en Strassenräume na que recolle os artefactos ambulantes, remolques e caravanas aparcados como monumentos mudos.

Marcos Covelo é un artista que xoga coas referencias, coa apropiación e a reinterpretación. A súa pintura xoga coa acumulación de imaxes que lle serven como referentes, atopadas a través dos buscadores de internet.

Percibimos na obra de Manuel Eirís a pintura como procedemento, como material. A chamada de atención sobre o proceso, a materia, o soporte, a limpeza do utensilio. Óleo sobre pano de limpeza.

Tamara Feijoo estende o soporte e xoga coa nosa idea estereotipada do grafismo sobre a parede, sobre o ornamento, a ilustración, o grafitti é substituído pola témpera, polo grafito, imaxes que remiten a antigas ilustracións que inventan narracións: Fábulas ascéticas (en verso castellano).

A interactividade asociada ás novas tecnoloxías atopámola na peza de Horacio González Diéguez (pantalla de leds, web cam e ordenador) na que xoga como pintor coa tradución que fai o software do sinal que recolle a cámara. Iván Ferreiro propón en cambio o xogo coa interactividade “obsoleta” das instrucións: introduza a moeda en calquera aparello de feira é o que propón co seu Estratocordio (Da serie Insert coin).

As referencias ao xénero da paisaxe abórdanse dende as máis diversas perspectivas: a ironía presente na pintura de Lúa Gándara, Paisaxe que non lembro moi ben, as fotografías de montañas de Carla Fernández Andrade, ou Christian García Bello con Todo ardió luminoso pero no es suficiente no que xoga co material, o carbón en po, conformando a paisaxe no papel.

Joan Morera en Visións da paisaxe II (Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia) copia literalmente a lei publicada no DOG (Diario Oficial de Galicia) convertendo o contido, o texto, en imaxe.

A paisaxe urbana é outro tema recorrente en moitas das obras presentadas, como no caso da pintura de Marta G Fortes, onde o fondo branco enmarca ao lonxe unha paisaxe de feira titubeante entre pilotes; ou nas fotografías de Begoña Ante, onde a iconografía publicitaria presente nas rúas substitúese por cores planas e mudas; ou no traballo de Ignacio García Gómez Del Valle Sen título [da serie Berlín: imaxe non dispoñible] cos valados publicitarios mudos.

E a relación entre a paisaxe e a arquitectura atopámola no vídeo sobre os xardíns de Gemma Pardo onde buscamos de novo a contemplación pausada.

O traballo do vídeo de Lois Patiño Na vibración da Terra remite a unha relación de transcendencia, unha paisaxe que ten algo de primitivo e atemporal, os gases saíndo da terra coma un organismo incontrolable.

O propio contexto do concurso actúa como motor para reflexións que rastrexamos nalgunhas obras que xogan coa definición de artista novo, artista como nova promesa; artistas que foron incluídos nalgunha destas categorías e senten que se aproximan a un lugar indefinido, deixando de ser artista novo sen saber que vén a seguir.

No caso de Enrique Lista, S.O.S. supón unha chamada de atención ante as regras do sistema artístico absurdas convencións que establecen un límite difuso para cando o artista é novo ou deixa de selo.

Non ten sentido seguir establecendo categorías inútiles, tampouco podemos admitir o estereotipo do artista novo como sinónimo de frescura, ao que o paternalismo do sistema profesional lle atribúe o mérito da rebeldía acabada de chegar.

Tamén Eduardo Valiña traballa sobre o sistema artístico e a visión dos artistas como parte dese artefacto.

Nas reflexións sobre o sistema da arte atopamos tamén a fotografía que presenta o colectivo Culture Workers unha fotografía que nos retrotae á microhistoria da arte contemporánea en Galicia, aos eixes da relación entre o poder político e a dirección artística dos museos e centros de arte.

Juan Varela presenta unha instalación con varias esculturas en vitrinas que remiten ao inconsciente xa dende o título. É verdade que nesta ocasión se botan en falta máis instalacións e esculturas. Foron poucas as propostas non bidimensionais, aínda que algúns traballos dificilmente poderiamos encadralos nunha categoría tan simplista como no caso do poético Cuadro para peinar de Mauro Trastoy ou a instalación de Christian García Bello.

Na relectura dos xéneros (neste caso no do retrato) situamos o traballo de Jesús Madriñán, retratos feitos en clubs nocturnos que nos enfrontan coas persoas encaixadas en escenarios escuros e artificiais, cheos de referencias cinematográficas.

Coa apropiación e relectura das imaxes xoga tamén a obra fotográfica de Antía Moure, Tenemos las obras que nos merecemos. Co resto dunha imaxe de Rita Hayworth fundida coa parede retratada.

O xogo das identidades atopámolo no traballo de Cillas Seyde no proxecto no que fonde varios rostros das persoas que coñeceu en Bruselas, como Anna e o seu tío Hassan en Anna & Hassan.

O corpo escamoteado, que xoga a facerse invisible mediante a camuflaxe co fondo e a proposta fotográfica do proxecto de Verónica Vicente, Unha estratexia da aparencia II.Gris pedra.

E para rematar con esta serie de traballos que xiran arredor da identidade e do retrato contemplamos o vídeo de Federico Vladimir Strate Pezdirc: Henry Hudson e o seu fillo preséntanos un enigmático xogo de referencias á historia da arte, ás relacións paternofiliais, ás imaxes que constrúen o arquivo icónico familiar, un labirinto de ecos.

Ao final do percorrido imaxinamos a Aby Warburg na súa busca, quitando e poñendo as imaxes nos seus paneis do Atlas da memoria, intentando recompoñer os ecos das imaxes, os diversos fíos dun diagrama.

Silvia García González
Fac. de Belas Artes. Universidade de Vigo.

1234pdf
cerrar texto crítico
Queda prohibida a reprodución total ou parcial desta publicación, por cualquera medio ou procedemento, sen autorización previa, expresa e por escrito do editor.
cerrar creditos
Cargando...
cerrar vídeo

Sétimo premio
Auditorio de Galicia
para novos artistas 2011
Auditorio de Galicia.
Concello de Santiago
de Compostela

Iniciar la navegación