CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO
[conflitos de recepción na arte contemporánea]
Continuando coas experiencias que vimos desenvolvendo de edición dixital, até o de agora con soporte físico como e-catálogo, adoitamos poñer en marcha por vez primeira un espazo multimedia para facer visíbeis publicacións que integren os contidos de determinadas exposicións. Como todas as novas experiencias teñen que ter un percorrido que permita ir ensaiando as ferramentas e a metodoloxía para comunicar a información da forma máis efectiva e atractiva posíbel.
CASUS BELLI + REFUTACIÓN DO CONTEXTO inaugura esta experiencia. Os comisarios Alberto González Alegre, crítico de arte, e Ángel Cerviño, artista, presentan unha mostra que parte da premisa de que a arte só chega a cumprir o seu programa no momento da súa recepción sendo o espectador o que se encarga de completala. É o espectador o que lle atribúe significados, para entrar as obras nun proceso dinámico, unha suma de lecturas, un conflito que xamais se resolve.
Casus Belli pretende afirmar que toda obra de arte leva inscrita a vontade de rebater e cuestionar o seu contexto de recepción. Ao enfrontamento entre o espírito libertario da obra e as tentativas “domesticadoras” do contexto e ao que os comisarios denominan conflitos da recepción. Os conflitos obedecen a causas diferentes: causas externas como censura, trasfego de influencias propio do sistema artístico, choque coas prescricións morais da época etc, ou as propias estratexias de comunicación das obras.
CASUS BELLI presenta, segundo os comisarios, un exemplificador abano destes conflitos de recepción das obras de arte contemporánea no noso contorno máis próximo. Impugnan tamén que as obras se superpoñan por temporadas e que se acepte como natural que cada serie supere e neutralice as anteriores, de aí que se fuxa dun percorrido historicista e que propoñan Casus Belli como un acto de resistencia, unha pausada relectura de obras realizadas, en boa parte, fai un bo número de temporadas.
Un percorrido, o formulado na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia que propón un novo encontro, non exento de dificultades, das obras cos seus espectadores.
Esta mostra producida polo Auditorio de Galicia, Concellaría de Cultura, foi posíbel grazas ao incondicional apoio e implicación neste proxecto dos artistas e dos prestadores públicos e privados que coas súas cesións permiten gozar do que esperamos sexa unha mostra de referencia.
Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais
|
|
|
|
|
|||